Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia recórdalle á oposición que a obra da pista de pádel da Marosa se fixo sen autorización da Xunta

OLYMPUS DIGITAL CAMERABurela, 20 de abril de 2013. O alcalde de Burela, José María González Barcia, leva desde a súa toma de posesión tentando resolver o expediente de legalización das obras da pista de pádel, dado que o bipartito fixo as mesmas sen a preceptiva autorización da Xunta de Galicia. As obras que se realizaron non se axustan á legalidade, xa que foron feitas sen que a Xunta emitise o seu informe, vinculante en todo caso, dado que a pista atópase en dominio público de protección de costas.

Nunha comparecencia a carón da pista de pádel, e tendo en conta que a día de hoxe a indicada obra segue sen ser legal, porque se fixo sen a previa autorización da Xunta, González Barcia, acompañado dos concelleiros de Deportes, Beatriz Piñeiro, e de Obras, Manuel Fernández Valle, diríxelles unha pregunta directa ós grupos da oposición, integrantes do bipartito que fixo a obra: “Que facemos coa pista de pádel?”.

Para González Barcia, “son os grupos da oposición os que nos deben dicir qué facemos agora, porque levamos vinte meses dándolle voltas a este expediente; enviouse documentación, o expediente foi revisado en Lugo por min mesmo o pasado luns, e non atopamos solución”.

O alcalde esíxelles ós grupos da oposición que “respondan canto antes dado que foron eles os que plantexaron e construíron a obra, aínda que a nós só se nos ocorren tres solucións. A primeira delas pasa por demoler a pista de pádel, porque non é legal nestes momentos. Algo que non nos gustaría facer, porque privaríamos ós afeccionados a este deporte da súa práctica nas instalacións da Marosa, e logo aínda alguén tería a osadía de tacharnos de favorecer empresas privadas”.

Segundo o primeiro edil, “a segunda opción, debería de pasar por legalizar a obra. Tendo en conta que nós non atopamos, de momento, solucións, logo de vinte meses, e tendo en conta que os grupos da oposición foron os que fixeron unha obra que agora non é legal, que nos digan os pasos a seguir”.

Para González Barcia, “existe unha terceira solución: que os grupos da oposición nos digan a onde podemos enviar o expediente que obra no Concello, porque podería haber instancias realmente interesadas en indagar sobre este asunto. Tendo en conta que a ningún responsable político se lle ocorrería facer unha obra sen o informe vinculante da administración correspondente, os grupos da oposición poden dicirnos a que instancias podemos enviar o expediente para que se aclaren as responsabilidades que haxa que aclarar. Sería bo que nos digan a que instancias podemos mandar este follón que eles montaron e do que soamente eles son os responsables ”.

O alcalde burelés considera que “a situación é moi preocupante, porque se investiron tinta mil euros de diñeiro público sen ningún tipo de garantía, como estamos vendo. O Concello exponse a que haxa que demoler a instalación, e aló irían os trinta mil euros, ou a unha multa. En todo caso, e de ser así, pedirémoslle ós membros do bipartito que abonen eles do seu peto particular os cartos necesarios, dado que os veciños e veciñas de Burela non debemos responder cos cartos de todos das desfeitas destas señoras e destes señores. Este é un exemplo máis de cómo se gastaban os cartos de todos durante o bipartito: fixeron a obra só buscando réditos políticos, pasando por riba da lexislación vixente”.
González Barcia rematou dicindo que “quen non cumpriu a legalidade ou ten algo que ocultar non pode pedirlles ós demais que dean exemplo: as persoas que fixeron esta desfeita son as que agora usan a mentira e a difamación para desgastar ó grupo de goberno do PP. Poden seguir así, non o conseguirán”.

Exit mobile version