Vista Alegre retoma a competición, sábado día 6 ás 18.30 horas, para continuar saboreando o despegue do Burela Pescados Rubén na súa loita pola permanencia. Trala importante vitoria lograda en terras canarias, a escuadra comandada por Juanlu Alonso recibe ao Ríos Renovables Ribera de Navarra. Os navarros están pelexando por conservar a última praza que da acceso ao Play Off polo título da LNFS.
O equipo dirixido por José Lucas Mena “Pato”, ocupa a oitava praza con 30 puntos e ten como perseguidor ao Marfil Santa Coloma (28 puntos), polo que se xoga tres puntos moi importantes na súa visita a Burela. Pola súa banda, o Burela Pescados Rubén afronta este partido “con moitas ganas de ofrecer á nosa afección unha vitoria e referendar a evolución do equipo” manifestou o técnico laranxa que espera que os seus xogadores “poidan mostrar o seu potencial verdadeiro. Agora que conseguimos encauzar o noso obxectivo, liberáronse da enorme tensión que supón estar pechando a clasificación. Aínda quedan moitos puntos por disputar e ante o Ríos Renovables xogaremos coa máxima ilusión e intensidade, coma se fose o último partido da tempada”.
Convocatoria: Edu, Iago Barro, Enrique, Christian, Iago Míguez, Juanma, Cesinha, Mimi, Isi, Hugo e Matamoros.
Lesión de Nacho Pedraza. O xogador laranxa non poderá participar neste encontro debido á tendinite que sofre no xeonllo esquerdo
BAKU UNITED FUTSAL. O mércores día 10, ás 20.00 horas, o Burela Pescados Rubén disputará un encontro amistoso en Vista Alegre ante Baki United Futsal, conxunto inglés que dirixe o mariñano Adrián Ladra.