Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 300 maiores da Mariña participan no programa ‘Tempos’ promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo

IMG_2321Lugo, 17 de abril de 2013. O vicepresidente da Deputación e delegado de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, visitou, hoxe, a Asociación de Veciños de San Román de Vilaestrofe de Cervo e a Asociación Irmandade de San Caetano de Barreiros nas que se están a desenvolver actividades do programa Tempos promovido e financiado pola institución provincial.

Un total de 22 maiores acoden dous días á semana aos talleres de ximnasia de intensidade baixa e moderada dirixidos a estimular as súas capacidades motrices mediante xogos, e que son impartidos por monitores con formación no eido deportivo e da xerontoloxía.

Veiga salientou as bondades deste programa na mellora da mobilidade dos participantes e na súa saúde, pero tamén insistiu en que evita o illamento dos maiores ao fomentar as relacións sociais e a interactividade. “O programa Tempos é unha aposta clara e decidida polos maiores do rural lucense, unha aposta por garantir o seu benestar, a súa calidade de vida e os seus dereitos. Desde a Vicepresidencia da Deputación entendemos que é a nosa obriga fomentar a igualdade de oportunidades con independencia da idade.”

“Tempos –continuou o vicepresidente- é a concreción dunha política oposta á que está a facer o Goberno galego en materia de benestar e servizos sociais, totalmente discriminatoria cos maiores do rural da provincia aos que deixou sen Servizo de Axuda no Fogar e sen Teleasistencia Domiciliaria. A consellería de Benestar vén de anunciar un programa experimental de teleasistencia avanzada dirixido a un centenar de lucense cando hai uns meses nin tan sequera se pronunciou sobre a posibilidade de participar no cofinanciamento do Servizo de Teleasitencia Domiciliaria que, grazas á colaboración de todos os concellos e a Deputación, continúa atendendo a máis de 1.500 usuarios e usuarias de toda a provincia, despois de que tamén o Ministerio de Sanidad, Servizos Sociais e Igualdade se negara a seguir cofinanciando dito servizo. A conselleira Mato non pode seguir insistindo en que a atención aos colectivos en risco de exclusión é unha das prioridades do seu departamento porque os feitos non respaldan as súas declaracións.’

Neste senso, concluíu que ‘Galiza non merece un Goberno insensíbel coas particularidades demográficas e sociais do país, máis nun momento de emerxencia social como o actual.”

Na comarca da Mariña, máis de 300 persoas de 17 asociacións de maiores participan neste programa o que supón un incremento con respecto ao ano pasado.

Exit mobile version