Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de mil mariñáns foron atendidos polo Servizo de Axuda no Fogar financiado pola Vicepresidencia da Deputación

Todos os concellos da provincia solicitaron xa a subvención para continuar prestando o Servizo de Axuda no Fogar

Antonio Veiga acusa ao Goberno galego de “abandonar á súa sorte aos concellos de menos de 20.000 habitantes”

Desde Vicepresidencia espérase que “o novo paquete de axuste que prepara o Goberno do Estado non afecte ás pensións, en canto suporía decretar situación de pobreza para centos de maiores da provincia”

A Mariña, 24 de abril de 2013. A Área de Benestar Social da Deputación de Lugo investirá 650.000 euros no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico ao longo de 2013, o que supón un aumento de máis do 28 por cento con respecto a 2011. Durante o último ano, un total de de 1.041 mariñáns beneficiáronse deste servizo financiado pola Deputación Provincial e os concellos, e está previsto que durante este ano se incremente o número de usuarios e usuarias en canto todos os concellos da comarca da Mariña presentaron xa a solicitude para optar ás axudas que concede a institución provincial.

Segundo explicou o vicepresidente da Deputación e delegado de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, “esta nova convocatoria da liña de axudas para o Servizo de Axuda no Fogar básico responde á estratexia de goberno do ente provincial centrada na aprobación e posta en marcha de políticas dirixidas a garantir o benestar dos lucenses que viven no rural e tratar de que a prestación dos servizos sociais sexa un nicho de creación de postos de traballo. As actuacións que promovemos son diametralmente opostas ás da Xunta de Galiza e o Goberno do Estado, cuxas políticas van dirixidas a privatizar servizos fundamentais como a educación, a sanidade e os servizos sociais”.

Neste senso, Veiga acusa á Xunta de abandonar á súa sorte aos concellos de menos de 20.000 habitantes e, polo tanto, a centos de lucenses do rural.  “Por criterios arbitrarios o Executivo galego optou por deixar de financiar o SAF básico obrigando as demais institucións a facerse cargo do servizo para evitar que o custe do mesmo recaia sobre os usuarios e usuarias, xa afogadas polo recortes do Partido Popular, o establecemento de copagos e repagos e a suba de impostos”.

“Están claras –continúa o vicepresidente– cales son as metas dos populares e as metas dos nacionalistas; mentres os populares son incapaces de rectificar as súas políticas e prefiren seguir creando desemprego, desigualdade e fomentando a exclusión social, desde o BNG alí onde temos responsabilidades de xestión buscamos todo o contrario. Igual que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo está a facer un esforzo económico para manter as políticas sociais, tamén o podería facer o Partido Popular e non o fai porque entre as súas prioridades non está o benestar dos lucenses.”

Desde a Área de Benestar Social amósase preocupación polas previsións de empeoramento da economía que, xunto co paquete de medidas de axuste que prepara o Goberno do Estado e que dará a coñecer o vindeiro venres, suporán un deterioro dos servizos sociais incrementando, aínda máis a situación de pobreza que sofren xa centos de lucenses. Antonio Veiga espera que “as novas medidas de contención do déficit non afecten ás pensións porque sería decretar o estado de pobreza para os maiores da provincia, que perciben as prestacións máis baixas do Estado.”

USUARIOS/USUARIAS DO SAF BÁSICO NA MARIÑA EN 2012

MUNICIPIOS

USUARIOS/AS

Alfoz

43

Barreiros

36

Burela

120

Cervo

40

Foz

50

Lourenzá

40

Mondoñedo

55

Muras

24

O Vicedo

44

Ourol

30

Ribadeo

77

Riotorto

32

Trabada

22

O Valadouro

46

Viveiro

150

Xove

232

A Pontenova

0

Total

1.041

Exit mobile version