Site icon Crónica3.com A Mariña

Mario Outeiro critica a decisión da Xunta de retirar o Bacharelato do IES As Mercedes

rIMG_2435Lugo, 19 de abril 2013. Esta mañá, na rolda de prensa trala Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, criticou aos responsábeis da Consellaría de Educación pola decisión de “desintegrar o IES das Mercedes de convertelo nun Centro Integrado de Formación Profesional, que obriga a mover 200 alumnos e alumnas a outros institutos lucenses para cursar bacharelato, cos conseguintes trastornos que isto supón ao comunicárselle esta decisión ao alumnado, profesorado e pais e nais na recta final do curso académico. Arredor de 70 alumnos e alumnas do Corgo, que actualmente cursan os seus estudos de ESO e Bacharelato no IES As Mercedes de Lugo e contan con servizo de autobús e comedor, veranse desprazados cara outros institutos sen que a Consellaría de Educación teña informado de cales van ser. Non entendemos esta maneira de actuar da Consellaría e compartimos o malestar xerado tanto na dirección do centro coma entre os docentes e no alumnado e as súas familias xa que esta decisión non foi nin anunciada nun momento oportuno nin se tivo en conta para nada a todo o conxunto da comunidade educativa que vai verse afectada, tanto docentes como alumnado. Ademais, a Consellaría de Educación non deu explicacións concretas sobre cal será o destino tanto do profesorado coma do alumnado que está a cursar as ensinanzas que se suprimen e cara que centros da cidade se van a redirixir”.

Mario Outeiro afirmou que “tanto o estudantado, como pais e nais, como diversas agrupacións veciñais de Lugo, así como formacións políticas e sindicais apoian a continuidade do IES As Mercedes nos mesmos termos que até o de agora, polo que non entendemos a negativa da Consellaría de Educación a reconsiderar esta decisión. A Consellaría de Educación ninguneou á comunidade educativa, empezando polos 28 profesores, aos que lles crea problemas coas súas prazas, e seguindo polos 200 alumnos”.

Para o delegado de Cultura e Turismo da Deputación “o IES das Mercedes debería continuar funcionando coa actual oferta formativa tendo en conta ademais os investimentos, superiores aos 150.000 euros, que se realizaron neste centro para dotar de aulas, material e demais complementos didácticos e educativos destinados aos cursos da ESO e de Bacharelato que se perderán de non continuaren estes cursos no centro”.

Mario Outeiro manifestou o apoio á comunidade educativa que está a realizar desde o pasado mércores un peche no propio IES das Mercedes, e que remata hoxe, e informou de que o vindeiro xoves 25 de abril, a formación xuvenil nacionalista, Galiza Nova, xunto ca Asemblea de Estudantes do IES As Mercedes convoca ao ensino de Lugo a un parón dende as 11:15 até as 12:30 en oposición ante desintegración do IES As Mercedes e na defensa do ensino público. A manifestación sairá ás 11:15 das Mercedes, pasará ás 11:30 por Ramón Ferreiro, para chegar ao Multiusos da Xunta en torno ás 12h.

Dentro dos asuntos da Xunta de Goberno, Mario Outeiro informou da aprobación do prezo público do libro “Das cousas de Xoán Balboa”, que queda fixado en 15 euros, dos que corresponden á Deputación 14,42 euros. Este libro é un catálogo que compila a obra deste polifacético lucense que se xuntara tempo atrás nunha exposición e que agora se pasa ao papel. Este volume será presentado en público nas vindeiras semanas, nun acto que será anunciado.

Exit mobile version