Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Ambiente e Concello de Lourenzá asinaron un convenio para que a Xunta arranxe a Avenida de Soutelo

image_gallery2Lourenzá, 23 de abril de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, asinou hoxe en Santiago de Compostela un convenio co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, para que este departamento da Xunta arranxe a avenida de Soutelo cun investimento de 60.500 euros.

A rexedora municipal explicou que “no día de hoxe vimos de asinar un convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Lourenzá para mellora a avenida de Soutelo, que é o acceso ao colexio público Juan Rey, ao polideportivo, ao Punto de Atención á Infancia, a Casa da Xuventude e aos núcleos de Soutelo e Alaxe dende a estrada LU-122”.

“Este convenio asineino co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández Fernández de Rojas, polo cal a Xunta de Galicia comprométese a elaborar e aprobar o documento técnico que contempla as obras de mellora nesta rúa e a licitar, dirixir e financiar as obras obxecto deste convenio achegando así un máximo de 60.500 euros IVE engadido con cargo aos orzamentos da Axencia Galega de Infraestruturas” engadiu Emma Álvarez, quen tamén manifestou que deste xeito “o conselleiro mostra a súa celeridade e a sensibilidade que ten con Lourenzá, sobre todo con este vial, do cal recentemente, nos mes de febreiro, lle daba a coñecer as carencias que ten e os arranxos que necesitábamos. Polo tanto, unha vez máis, a Xunta de Galicia cumpre co Concello de Lourenzá e en breve será unha realidade o arranxo deste vial”.

O convenio que terá efecto a partir da data da súa sinatura manterase ata a entrega das obras, e a efectos económicos estenderase ata o 31 de decembro deste mesmo ano.

Compromisos das partes

A Consellería de Medio Ambiente, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, subvencionará o 100% das obras cun orzamento de execución que estimase en 60.500 euros. A AXI licitará, executara e dirixirá os traballos de reparación unha vez haxa elaborado e aprobado o documento técnico que contemple as obras de mellora.

Mentres o Concello de Lourenzá deberá poñer a disposición da AXI os terreos antes da adxudicación das actuacións, e obter os permisos, licencias e autorizacións necesarias. Unha vez finalizados os traballos, e logo da comunicación da Axencia Galega de Infraestruturas, a administración local será a encargada de asumir a explotación, mantemento e conservación das obras resultantes, asumindo as responsabilidades correspondentes como ente titular das mesmas.

Para o impulso e cumprimento deste convenio constituirase unha Comisión de Seguimento formada por dous representantes da Axencia Galega de Infraestruturas e dous responsables do Concello de Lourenzá. Esta comisión encargarase de avaliar e impulsar o cumprimento do convenio, interpretar oi seu contido e propoñer a resolución en posibles controversias que puideran xurdir.

Exit mobile version