Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural e Mar mellorou nos últimos meses 2,5 quilómetros de camiños e pistas no Concello de Barreiros

200413 Obras PEIM executadas en BarreirosA delegada territorial, Raquel Arias, visitou as actuacións, nas que se investiron máis de 61.000 euros e que inclúen obras que benefician aos veciños e usuarios de seis núcleos de poboación

Destacou a importancia de manter os accesos en condicións axeitadas para “facilitar a mobilidade dos residentes e, en especial, as actividades agrícolas e forestais”

Barreiros, 20 de abril de 2013.- A Consellería do Medio Rural e do Mar reparou nos últimos meses 2,5 quilómetros de camiños e pistas no concello de Barreiros, segundo confirmou a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, nunha visita realizada aos tramos afectados na que estivo acompañada polo alcalde da localidade, Alfonso Fuente Parga.

Arias explicou que a Xunta investiu 61.600 euros nas actuacións, das que se benefician os veciños e usuarios de seis núcleos de poboación. Os traballos comprenderon tanto a mellora do firme da calzada como a limpeza das gabias. A delegada destacou a importancia de manter en boas condicións os accesos no medio rural para “facilitar a mobilidade dos residentes e, en especial, as actividades agrícolas e forestais”.

Ao respecto, subliñou a relevancia que está a ter o Programa Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural (Peim), cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Goberno central, por canto afecta á calidade de vida dos veciños e veciñas e incide en proxectos destinados a dinamizar a base produtiva.

As pistas reparadas a través do Peim, afirmou Arias, “son en ocasións o único acceso que teñen os núcleos de poboación afectados” e deben manterse en óptimo estado de conservación, “tanto pola seguridade dos veciños e veciñas como para garantir o normal funcionamento do transporte que as utiliza, como o transporte escolar, de gando ou de produtos agrícolas”.

Nesta liña, apuntou que o esforzo inversor realizado no Peim “demostra o valor estratéxico que lle concede o goberno galego ao incremento da base produtiva no rural, á incorporación de profesionais ao sector agrario para conseguir que a mocidade labre o seu futuro nos pobos”.

O tramo de maior lonxitude afectada no concello de Barreiros foi a conexión entre Carcaba e Pereira, en Cabarcos; neste punto arranxáronse 1,1 quilómetros, procedendo ao tratamento e limpeza do pavimento, antes da aplicación dunha nova superficie de firme de base asfáltica.

Igualmente, realizáronse traballos similares no barrio da Pena, na vía que une a zona do matadoiro coa estrada da praia, en Sarxéndez, e nos accesos do barrio Novo e da igrexa de San Cosme.

Exit mobile version