No acto Javier Castiñeira fixo un agradecemento ao presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, “por confiar novamente no pobo de Foz, por querer estar aquí con nós na praza Conde de Fontao para presentar esta campaña; quero agradecer esa forma de crer no comercio de Foz”. Tamén destacou “o traballo e o tesón” do presidente da Acia focense, José Carlos Paleo.
O rexedor municipal lembrou que “estamos a piques de celebrar os 25 anos da formación da Acia de Foz, son 25 anos de colaboración do comercio co seu pobo, de integración absoluta, de boa organización. A min vénseme á cabeza precisamente o día a día de todas esas tendas que están pasando un momento difícil, que están loitando e que incluso lles costa abrir as portas porque os gastos son moi grandes; pero aí están eles sempre, cada vez que os chama o Concello ou calquera asociación, calquera club para un evento que se organiza no noso concello aí están os comerciantes e a súa asociación colaborando. E moitas veces a min chámame a atención que é moi difícil facer 50 ou 100 euros de caixa e venche unha asociación ou un club pedir para unha cea ou para un evento ou unhas festas e moitas veces case dan o que fixeron de caixa ese día. Polo tanto o compromiso é absoluto”.
Castiñeira tamén manifestou que “hoxe en día os comerciantes son gladiadores da economía, porque estamos vivindo un momento moi complexo no aspecto financeiro, do cal dependemos todos en xeral, un momento onde as administracións estamos nunha situación moi delicada porque as subvencións, das que sempre se fala, cada vez veñen con máis obstáculos. Polo tanto quero facer ese máximo agradecemento por parte do alcalde aos comerciantes focegos, que fan unha labor especial e que en Foz quizais supoñan un 30 ou un 40 por cento do produto interior bruto noso, aparte doutros sectores”.
“Agora empezamos a primavera, unha época que favorable para os comerciantes. A estacionalidade en Foz é importante e xa pasamos un inverno duro de auga e agora empezamos a primavera e despois o verán, que esperamos que veñan con bo tempo e que sexan momentos de compras”, comentou o alcalde, quen tamén animou “a todos os focenses a que fagan as compras nos seus veciños, porque o comercio é xerador de emprego directo e todo o que recaia no noso pobo vai redundar novamente en inversións para o municipio. Moitas veces hai que mirar iso máis que outra cousa. É verdade que estamos nunha época na que miramos prezos, pero pídolles aos veciños que pensen tamén en consumir nos establecementos de Foz precisamente por iso, porque redunda dobremente no noso pobo porque pagan os impostos aquí, xeran emprego do noso pobo e iso é moi importante. Que tomemos esa conciencia”.