Ermida acusa á Xunta de permanecer de brazos caídos mentres a Mariña continúa acadando máximos históricos de desempregados e desempregadas.
Os nacionalistas demandan a posta en marcha de medidas dirixidas á creación de oportunidades laborais para mulleres e xóvenes.
A Mariña, 3 de abril de 2013. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Mariña alerta de que os datos do paro referidos ao pasado mes de marzo son un “espellimos” en canto a leve dimunición rexistrada débese á coincidencia coa Semana Santa, que adoita ser un respiro para o sector servizos, polo que advirte que “con toda probabilidade, volverá incrementarse durante o mes de abril.”
Así o manifestou, esta mañá, Ana Ermida, responsábel da formación nacionalista, quen insistiu en que “a comarca da Mariña segue batendo récords históricos de desempregados e desempregadas rozando os 6.000 parados e paradas. No último ano, este dato foi empeorando progresivamente ante a falla de políticas transversais do Goberno galego, que segue alleo ao drama que están a vivir milleiros de familias, e mentres o Goberno central insiste nas bondades dunha reforma laboral que fomenta despedimentos e reduce salarios.’
Neste senso, desde o Bloque Nacionalista Galego continúan recordando a promesa da Xunta de Galiza de adoptar medidas paliativas fronte a destrución de tecido industrial na comarca e que para Ermida “supón un máis dos moitos incumprimentos do presidente Feijóo coa zona, da que solo se acorda en campaña electoral. A súa prioridade debera ser crear oportunidades laborais para os máis de 450 xóvenes menores de 25 anos que buscan unha ocupación e as 3.070 mulleres que están paradas, xa que son os grupos máis afectados por esta lacra.”
“Mentres o crédito non flúa nas empresas, non se xerará emprego e é lamentábel que a disposición de crédito continúe contraéndose cando a banca recibiu un rescate millonario cuxas consecuencias están a pagar todos os galegos e galegas” –concluíu a responsábel do BNG na Mariña.