Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña apoia o acto público e a manifestación da CIG para este mércores en Lugo

A Mariña, 23 de abril de 2013. Ana Ermida, responsábel comarcal do Bloque Nacionalista Galego na Mariña, manifestou o seu apoio e informou que o BNG secundará a convocatoria de acto público e manifestación que a CIG vai levar a cabo mañá en Lugo, ás 11:30 horas e 13:00 horas respectivamente, para denunciar a situación crítica na que as reformas neoliberais en materia laboral que está a executar o PP situou á clase traballadora galega, que é quen está a padecer directamente os efectos da crise.

Tal e como explicou Ana Ermida, “as políticas do PP fan que na Mariña xa máis da metade de desempregados sexan mulleres e teñamos xa case 6.000 parados e paradas. As mulleres, ademais de padecer peores retribucións salariais e peores condicións laborais, son maioría sufrindo o drama do desemprego con case o 53%, en marzo buscaban traballo 3.070, mentres que a porcentaxe de desempregados masculinos sitúase en marzo arredor do 47% do total, situándose en 2.785. Máis aló, existe outro drama que se dá na nosa comarca da Mariña pero que, coma un andazo, afecta a todo o país, e non é outro que o do desemprego xuvenil: milleiros e milleiros de rapaces e rapazas galegas que, a pesar de estar formados, carecen de oportunidades laborais no seu país e vense forzados a emprender a emigración fóra das nosas fronteiras. Os datos son claros: os mozos continúan padecendo a falta de oportunidades para gañarse o pan: en marzo querían atopar ocupación 459 menores de 25 anos na nosa comarca, un número altísimo tendo en conta o pequeno abano de idade que representa”.

“Por todo isto, podemos afirmar que Feijóo e Rajoy aplicando as súas políticas ultraliberais son os culpables dos 259 desempregados e desempregadas máis que a Mariña ten con respecto a hai un ano: deben congratularse, a súa reforma laboral está dando os seus froitos en forma de máis desemprego, precarización das condicións laborais, peores condicións de vida para as clases traballadoras”- sentenciou Ana Ermida.

A responsábel comarcal do BNG na Mariña lembrou ademais “o conxunto de medidas esmagadoras das condicións de vida e dos servizos públicos que na nosa comarca padecemos, ao igual que noutras comarcas do país, pero especialmente o que ten a ver co desmantelamento do Hospital da Costa, o que ademais de provocar desprazamentos de persoas enfermas para ser tratadas no Hospital de Lugo vai provocar tamén unha merma da calidade asistencial no propio Hospital da Costa e tamén un traslado de persoal do que é o principal centro empregador da comarca, polo que tamén afecta ao tecido económico”.

Por todo isto, Ana Ermida animou a participar á poboación mariñá no acto público informativo que terá lugar mañá ás 11:30 horas da mañá na Praza Maior de Lugo e á manifestación que percorrerá posteriormente Lugo desde a Praza Maior até o edificio da Xunta de Galiza para protestar pola demolición dos dereitos laborais das clases traballadoras.

Exit mobile version