Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña pide ao PP que se sume ás peticións de derrogación do Decreto de Xestión Integrada para a provincia de Lugo

Ermida denuncia que os populares queren quedar ben cos mariñáns solicitando no Parlamento a ampliación do Hospital da Costa cando dita ampliación a prometeron preto dunha decena de veces e non a cumpriron.

“Mentres non se derrogue o Decreto de xestión integrada a sanidade da Mariña seguirá deteriorándose co beneplácito de todo o Partido Popular”.

A Mariña, 19 de abril de 2013. Ana Ermida, responsábel comarcal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia a hipocresía do Partido Popular amosada na aprobación dunha iniciativa presentada polo seu Grupo Parlamentar na Comisión de Sanidade e na que se solicita instar á Xunta de Galiza a manter o actual mapa sanitario na provincia de Lugo, de tal xeito que se manteña a área sanitaria da Mariña “cando esta non desaparece, mantense pero sen as competencias que eles mesmos lle acaban de retirar co Decreto de Xestión Integrada provincial”.

Segundo Ermida, o texto da iniciativa “está baleiro de contido, xa que o primeiro paso para poder lograr o que demandan é derrogar o Decreto de xestión integrada para a provincia de Lugo, algo que os nacionalistas levamos tempo pedindo ao igual que o persoal sanitario do Hospital e centos de mariñaos.” Non entendemos por que o Partido Popular, “se realmente está preocupado polo futuro da sanidade na comarca non se suma a esta petición e deixa de presentar iniciativas que non teñen senso algún e que semellan ser un intento quedar ben coa cidadanía mariñá despois de ter ocasións suficientes para defender a sanidade da comarca e non facelo.” Nesta mesma liña a portavoz nacionalista “non se explica como os mesmos que incumpren as súas promesas desmantelando a autonomía na xestión sanitaria da comarca cun decreto que centraliza competencias en Lugo, aínda teñen a cara dura de reclamarlle á sociedade confianza en mais compromisos baleiros e inzados de incoherencia política”.

“Agora – continúa Ermida- piden, tamén, que a ampliación do Hospital da Costa se faga de inmediato para adaptalo a actual demanda asistencial, ofrecer unha mellor prestación de servizos para os pacientes e mellorar as condicións nas que os profesionais fan o seu traballo. Anos despois de incumprir a súa promesa de ampliación, de suprimir servizos e permitir que se deterioraran as condicións de seguridade e calidade asistencial para pacientes e persoal sanitario e de colocar casetas de obra para pasar consulta, piden a ampliación do Hospital. Unha vez máis o Partido Popular chega tarde”.

Dende o Bloque insístese en que “o que precisa a sanidade da comarca é o que está a pedir o conxunto da sociedade mariñá, un decreto de xestión integrada propio para xestionar sanidade primaria e especializada, ter un Hospital bo e non un ambulatorio grande, con plena capacidade para xestionar os seus recursos e non medidas que teñen como fin fundamental o recorte de servizos sanitarios públicos e alimentar o negocio da sanidade privada”. “Mentres iso non se cumpra todo o que se anuncie é demagoxia. Se o Partido Popular quere garantir os dereitos sanitarios dos mariñaos que esixa ao presidente Núñez Feijóo que derrogue o Decreto de xestión integrada, modifique a folla de ruta da Xunta encamiñada á privatización sanitaria, aprobe un Decreto de Xestión Integrada propio para a Mariña e deixe de seguir vendendo fume con ampliacións virtuais do Hospital da Costa sen prazos nin orzamento”.

Exit mobile version