Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña reproba o comportamento dos alcaldes e alcaldesas da comarca ante a “degradación” da sanidade pública

A Mariña, 4 de abril de 2013. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Mariña acudiu onte á xuntanza convocada polo persoal do Hospital da Costa para seguir analizando as consecuencias da área sanitaria integrada e buscar solucións ao deterioro que provocará esta medida aprobada pola Xunta de Galiza.

Ana Ermida, responsábel comarcal da formación nacionalista na comarca denuncia que “unha vez máis o Partido Popular da Mariña non acude á chamada dos facultativos da Costa o que demostra a súa desidia neste asunto e o pouco que lle interesa a saúde, o benestar e a calidade de vida dos seus veciños e veciñas que deberan ter en conta que son os mesmo que os votaron para ser alcaldes e alcaldesas. Os representantes do Partido Popular continúan antepoñendo os intereses do seu partido e a fidelidade ao seu líder, o presidente Feijóo, aos intereses do pobo. Non acudir á xuntanza cos especialistas é unha falla de respecto cara a poboación, pero tamén unha irresponsabilidade pola que os populares deben de dar explicacións.”

Desde o Bloque Nacionalista Galego contrapoñen esta actitude de prepotencia dos dirixentes do Partido Popular na comarca coa implicación que están amosando os traballadores e traballadoras do Hospital da Costa e toda a sociedade da Mariña, que continúan reclamando que se atendan as necesidades sanitarias da comarca.

Neste senso, Ermida lembra que “A Mariña cumpre todos os requirimentos que establece a lei para dispor dunha área de xestión integrada propia con plena capacidade de xestión en asistencia primaria e especializada e sobre os seus recursos humanos, económicos, infraestruturas e prestación de servizos”. Isto, aclarou a portavoz nacionalista, é o que o BNG defenderá nos plenos dos concellos da comarca e non propostas retóricas para seguir enganado á xente como pretende o Partido Popular.

“Non queremos – continua a responsábel do BNG- que tanto o presidente Núñez Feijóo como a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, continúen insistindo en que o Hospital da Costa será ampliado e contará con novos servizos, queremos feitos, que cumpran xa a súa promesa, que deixen de demorala e traballen para garantir os dereitos do pobo. Da Xunta de Galiza o único que recibe a Mariña, co beneplácito dos dirixentes do Partido Popular na comarca, é mentiras, incumprimentos e ataques. ”

Na mesma liña a portavoz nacionalista expuxo as propostas que o BNG levará aos plenos da comarca que pasan polas seguintes propostas:

1.- Demandamos unha aposta firme e decidida por esta comarca coa ampliación real do Hospital da Costa en número de camas, implantación da Unidade de Oncoloxía, ampliación de Hemodiálise, pleno funcionamento da Consulta Maior Ambulatoria, unha Resonancia Magnética fixa, a hospitalización a domicilio, a posta en funcionamento dos servizos de tarde, os aumentos do cadro de persoal e por suposto o reforzo e mantemento de tódolos servizos e unidades existentes tanto de Atención Primaria como de Especializada.

2.- Demandamos un xiro de 180 graos nas políticas tendentes á progresiva deterioración da sanidade pública e a súa mercantilización porque a sanidade pública non pode ser un negocio, é un dereito e patrimonio de todos e todas que non queremos perder.

3.- Demandamos unha área de xestión integrada para A Mariña con plena capacidade de xestión en asistencia primaria e especializada e sobre os seus recursos humanos, económicos, infraestruturas e prestación de servizos da área sanitaria e a derrogación do Decreto de Xestión Integrada aprobado polo Consello da Xunta de 21 de marzo de 2013.

Exit mobile version