Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro presenta varias preguntas e rogos sobre o gasto de cada concellería ou a concesión da gardaría municipal

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Viveiro ven de presentar ao Pleno da Corporación Municipal as seguintes preguntas e rogos:

PREGUNTAS

1. Os traballadores municipais, perciben conforme ao convenio axudas económicas para os estudos das súas fillas ou fillos. Temos constancia da existencia de casos de traballadores que levan máis de tres anos sen cobrar a axuda correspondente, logo de presentar toda a documentación. ¿Ten o goberno municipal intención de facer efectivos os atrasos correspondentes ás axudas para estudos? De ser así, ¿Qué previsión existe de pago?

2. O pasado mes de xullo de 2012, os concelleiros e concelleira do BNG, que formábamos parte do goberno municipal, recibimos unha notificación por parte da Alcaldía e da Concellería de Facenda, que foi publicada en diversos medios de comunicación, instándonos a realizar as correspondentes retencións de crédito para a realización de gastos no Concello, garantindo así a existencia de crédito para efectuar os gastos. ¿Mantense na actualidade este sistema de funcionamento paga a realización de gastos no Concello? Se non é así ¿Cómo se controla o que gasta cada Concellería? ¿Axústase o gasto ao orzamento do ano 2013?

3. A concesión da gardaría municipal, conforme aos nosos datos remataba no pasado mes de setembro de 2012. Segundo o contrato o Concello pode realizar unha prórroga correspondente a 6 meses, que remataría o pasado mes de marzo. Numerosas veciñas e veciños do noso Concello, mostran o seu interese en presentar os seus proxectos para a futura concesión. ¿A situación actual da Gardaría Municipal, coa concesión extinta, axústase á legalidade?¿Cando ten previsto o Goberno Municipal sacar a Concurso o servizo da gardaría?

ROGOS

1. O Goberno Municipal de Viveiro, ven de modificar a sinalización do Camiño Real en Celeiro. A citada modificación, moi criticada por gran parte das veciñas residentes na zona e no resto de Celeiro, limita os accesos á Rúa Grande a un, dende a estrada xeral, causando un perxuizo e incomodidade ás veciñas e veciños de Celeiro que residen no Celeiriño, na Rúa Grande, Rego da Fonte e Camiño Real. Rogamos ao goberno municipal que modifique a sinalización e recupere a existente anteriormente en doble dirección.
2. A estrada de Santo Albites ao Cemiterio de Celeiro, nas últimas casas de Santo Albites, presenta numerosas fochancas, que van en aumento a medida que continúan as chuvias. Rogamos ao Goberno Municipal a súa reparación cando sexa posible.

Exit mobile version