Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove criticou no pleno as comisións “pantomima”

Entenden que a Comisión para a Mellora da Atención ás Vítimas da Violencia de Xénero impulsada polo goberno municipal foi improvisada para saír nos medios de comunicación co gallo do Día Internacional da Muller.

O pasado mes de marzo foi constituída a numerosa Comisión para a Mellora da Atención ás Vítimas da Violencia de Xénero do Concello de Xove. Esta Comisión está integrada pola concelleira de servizos sociais, un responsable da Garda Civil de Xove, unha responsable da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, unha representante do Departamento de Servizos Sociais, unha representante da Unidade de Educación Familiar do Concello de Xove, un representante do Centro de Saúde, un representante do IES Illa de Sarón e unha representante do CEIP Pedro Caselles. Polo executivo local tamén se informou aos medios de comunicación que o obxectivo da comisión será o de “mellorar a atención a través da coordinación entre as institucións e conseguir a súa adaptación ás necesidades reais das mulleres vítimas de violencia” (sic).

O Bloque xovense criticou no debate plenario a literatura retórica “que destilan estas bonitas palabras” e afirmaron, con retranca, que a creación deste novo órgano colexiado “non ten nada de propagandístico a pesar de ser presentada tres días antes do Día Internacional da Muller”. Desde os asentos nacionalistas da corporación municipal interesáronse polas melloras concretas que se incorporarían ao protocolo de actuación xa estabelecido polos servizos sociais do Concello de Xove e tamén preguntaron pola data da vindeira reunión da Comisión, ao que se contestou polo goberno municipal cun “corta e pega” dalgúns artigos da Lei Integral contra a Violencia de Xénero e non se fixou un día concreto para unha futura xuntanza da entidade de nova creación.

Asemade, o grupo municipal nacionalista lamentou a utilización pola alcaldía dos membros dos diferentes organismos e institucións que adoitan colaborar de boa fe co Concello e que, porén, acaban formando parte dunha Comisión baleira de competencias que só serve para buscar a foto e a propaganda fácil na prensa. Por esta razón o BNG xovense pediulle ao goberno local que se movan na denuncia da segregación por sexos nas aulas (en clara referencia aos colexios privados que recibiron tres millóns de euros en subvencións da propia Xunta de Feijóo), que condenen a reforma do Poder Xudicial que non garante a continuidade do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero e que se opoñan á reforma do Código Penal impulsada polo PP que elimina a falta de vexación inxusta, polo que deixarán de poder axuizarse expresións ofensivas dirixidas ás vítimas do tipo: “cala a boca”, “vístete coma a xente” ou “non volvas chamar a ninguén”.

Exit mobile version