Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG demanda no Parlamento manter as áreas sanitarias de Monforte e A Mariña

O deputado do BNG, Cosme Pombo rexeitou a Área de Xestión Integrada de Lugo porque “alonxa os servizos dos cidadáns e merma a calidade asistencial”.

Santiago de Compostela, 17 de Abril, 2013. O deputado do BNG, Cosme Pombo defendeu hoxe unha Proposición non de lei en comisión sobre o mantemento das áreas sanitarias de Monforte e A Mariña con todas as competencias e servizos actuais.

O deputado posicionouse en contra da creación da Área de Xestión Integrada de Lugo pretendida polo Partido popular porque, ao seu xuízo, alonxa “aos cidadáns dos servizos e merma a calidade asistencial”.

Pombo indicou que o Hospital da Costa ten asignadas máis de 70.000 persoas distribuídas en 14 concellos e o Hospital de Monforte 50.000 usuari@s repartidos en 11 concellos.
Esta circunstancia, dixo, obrigará aos cidadáns a ter como referencia do Hospital de Lugo a 100 km de distancia do de Burela e a noventa minutos de viaxe en coche. O mesmo ocorre, engadiu cos usuarios da comarca de Monforte e criticou que recentemente, a conselleira de Sanidade equiparara a Área Sanitaria Integrada como “unha integración de Hospitais”.

O nacionalista lembrou a gran contestación social contra a Área de Xestión Integrada en Lugo que congregou a gran número de afectados/as nas manifestación celebradas recentemente e pediu ao Goberno que “atenda a demanda formulada por miles de persoas nas rúas de Monforte e Lugo”.

“A xente portaba carteis criticando os “compromisos incumpridos” de Feijóo cos hospitais de Monforte e a Mariña e preguntando cánto vale a palabra do Presidente da Xunta”, salientou.

Por outra banda, engadiu que a medida que quere aplicar o Goberno galego tamén terá consecuencias negativas para os profesionais sanitarios ao dificultar o seu acceso a unha xerencia ubicada na cidade de Lugo, polas distancias da Mariña e Monforte coa capital da provincia, así como para o tecido socioeconómico destas comarcas.
“Unha xerencia en Lugo eliminaría os investimentos prometidos nos centros de saúde e nos Hospitais de Monforte e da Costa” afirmou, e impedirá os investimentos para a implantación de novos servizos e especialidades.

Cosme Pombo indicou que os desprazamentos dos profesionais serán constantes e o persoal eventual deberán inscribirse nas listas de contratación provinciais “véndose obrigados a aceptar contratos a máis de cen quilómetros de distancia do seu domicilio”.
O nacionalista concluíu afirmando que a calidade asistencial tamén se verá afectada ao desmantelar os servizos nestas comarcas, polo que pediu “prioridade para cubrir as prazas de especialistas nos Hospitais de Burela, Monforte e Lugo, manter as plantillas e condicións laborais actuais dos traballadores nos dous hospitais e non crear a Área de Xestión Integrada de Lugo”.

Exit mobile version