Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia o desmantelamento da delegación de Facenda de Foz

Basanta considera que estamos ás portas do peche da delegación.

Os nacionalistas demandan o apoio social e institucional para manter o servizo.

Foz, 15 de abril de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego de Foz observa con particular preocupación a resolución do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas publicado no BOE do 16 de febreiro de 2013 pola que se modifica a estrutura e organización territorial do citado organismo tributario e que vai significar unha perda de servizos da Delegación da Axencia Tributaria de Foz.

O Portavoz Municipal do BNG, Xoán Carlos G. Basanta, denunciou “ a operación do Partido Popular para desmantelar a oficina da Axencia Tributaria en Foz, operación que se executa co silencio e a complicidade do goberno local, que unha vez máis ponse en contra dos intereses dos seus veciños e do seu pobo actuando como fiel vasalo dos intereses do partido. Despois de 28 anos prestando servizos na nosa localidade que evitaba que a veciñanza tivese que desprazarse ata a capital da provincia para resolver calquera trámite coa Axencia Tributaria, agora as declaracións de IRPF ou IVE, xunto coas tramitacións de aprazamentos de pago ou presentación de recursos, é dicir, a tramitación de expedientes de principio a fin, non poderán realizarse en Foz. De agora en diante estas xestións poderanse iniciar na Administración de Foz pero, en moitos casos, a revisión ou tramitación final do expediente non poderá facerse nestas localidades, coa conseguinte necesidade de desprazarse”.

“Temos o firme convencemento de que estamos na antesala do peche deste servizo”, afirmou Basanta quen indicou “que a resolución que entrou xa en vigor o 25 de febreiro responde ao afán centralizador do Partido Popular, diante das ansias de afastar os servizos públicos da cidadanía coa escusa da austeridade. É máis, non existen razóns técnicas nin obxectivas para que unha Administración coa carga de traballo que teñen nas oficinas de Foz pasen a ser unhas meras oficinas de información e asistencia, vulnerando así o dereito dos contribuíntes a ter acceso aos seus expedientes e a realizar as tramitacións sen ter que desprazarse a Lugo. Unha vez máis, o goberno do PP actúa con nocturnidade e alevosía, mediante a política de feitos consumados e sen consultar cos traballadores nin os seus representantes, nin cos gobernos dos concellos afectados polos seus recortes tan fundamentais nos servizos públicos”.

O BNG levará unha iniciativa parlamentar ao Congreso dos Deputados demandando a marcha atrás na decisión do Estado e que se manteñan os mesmos servizos que até o de agora se viñan prestando á cidadanía nas Administracións da Axencia Tributaria en Foz, evitándolle á veciñanza da Mariña ter que desprazarse para realizar todo tipo de trámites, e impedindo que un servizo público se afaste dos cidadáns que atende así como que se garanta os postos de traballo que actualmente existen na Administración da Axencia Tributaria en Foz.

Exit mobile version