Segundo explicou Miranda a PAC establecerá as regras do xogo do sector para o período 2014-2020 en temas tan relevantes como as axudas agrarias, o sistema de cotas leiteiras ou a incorporación de xente nova ao agro. O sector do leite será un dos máis afectados en canto deberá enfrontarse a unha situación nova que será clave para o seu futuro como é a desaparición das cotas en marzo de 2015, o que implicará a liberalización total do mercado europeo. Coa implantación desta normativa poderá chegar leite ao país de calquera estado membro da Unión o que abaratará aínda máis os prezos do leite que pagan as industrias. Esta medida sitúa a centos de explotacións da Mariña nunha situación complicada e que pode conducilas á súa desaparición, xa que moitas delas sofren un alto endebedamento por ter pedido créditos para comprar cota que xa non terá ningún valor en pouco tempo.
Para que esta situación sexa o menos dramática posíbel e que non se traduza na perda de centos de postos de traballo, o Bloque Nacionalista Galego propón crear un fondo lácteo galego pactado cos representantes do sector para facilitar a transición dun sistema de cotas a un sistema libre.
Xuntanza co sector pesqueiro
Nesta liña, Lobeira, sinalou que “a flota da Mariña ten prohibida a pesca de xarda cando esta é unha das especies máis abundante nas nosas costas. Estamos ante unha situación pintoresca que, con toda seguridade, nos vindeiros meses, se repetirá con outras especies como o xurelo ou a pescada. O caso da pesca é o mellor exemplo da incompatibilidade entre a política comunitaria e a capacidade produtiva de Galiza. A flota de altura, arrastre e baixura sofre constantes ataques de Europa avalados polo Partido Popular, polos gobernos galego e do Estado que actúan como cómplices do desmantelamento do sector pesqueiro, piar da nosa economía”.
Os nacionalistas alertan, tamén, do incremento de inspeccións non como instrumento de control senón como coartada para rematar co sector pesqueiro e insisten en que “a política pesqueira europea está condenando á flota galega á inviabilidade, ao amarre e ao despezamento”.
Bieito Lobeira conclúe que “Galiza non precisa esmolas porque ten capacidade produtiva suficiente para que os galegos e as galegas poidan vivir dos recursos do seu país dun xeito digno e para iso o único que se precisa é soberanía”.