As 3 vías de titularidade estatal que articulan a comarca e serven de comunicación co interior da provincia teñen eivas que condicionan a seguridade de condutores e peóns por falla de investimentos en mantemento e sinalización.
Segundo explicou Pérez, “os usuarios e usuarias destas vías teñen que atravesar auténticas fochancas. En concreto, a estrada N642 é a única vía de comunicación existente na actualidade nos seus tramos lugueses entre San Cibrao e Barreiros onde conecta no lugar da Espiñeira coa A-8 até Ribadeo e o interior da provincia. Esta estrada de competencia estatal cruza nos seus 25,7 quilómetros numerosas travesías dos concellos de Cervo, Burela e Foz que no conxunto dos tramos debido ao cuantioso tráfico, ausencia de mantemento adecuado e falta de sinalización ten numerosos puntos negros perigosos para a circulación de vehículos e persoas”.
Os nacionalistas alertan, tamén, do mal estado da N634, considerada incluso polo ministerio de Fomento como a estada de todo Estado que máis puntos negros acumula. Esta estrada é de uso obrigado entre Mondoñedo e Abadín ao non estar rematada a A8; en calquera caso o abandono inversor para unha vía que, con ou sen alternativa, segue e seguirá sendo usada por cidadáns e transportistas que circulan diariamente entre a costa da Mariña e o interior e unha das moitas irresponsabilidades do Goberno do Partido Popular coa comarca.
A deputada nacionalista no Congreso denuncia que “a autovía A-8, no tramo A Espiñeira-Ribadeo, de pouco máis de 22 quilómetros a pesar da súa recente inauguración, xa conta cun tramo, en dirección a Ribadeo, cun punto negro que en moitos casos fai que a circulación invada innecesariamente o carril esquerdo para evitar as irregularidades e lombos da calzada, provocando situacións de perigo por alcance”.
“A problemática das estradas de titularidade estatal na comarca xa fora denunciada en repetidas ocasións sen que o tema sexa de interese para o ministerio de Fomento. Do contrario non se explica que aínda non se acometera ningunha actuación de calado para eliminar estes problemas” –concluíu Rosana Pérez.
Desde o BNG reclaman ao Goberno do Estado que remate todos os tramos da A-8 cuxa data de remate estaba prevista para 2007 e porén leva 6 anos acumulando retrasos.