Site icon Crónica3.com A Mariña

O Centro de Artesanía e Deseño inaugura unha mostra didáctica sobre o Quijote para conmemorar o Día do Libro

_77K8602A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada polo artista Joan Queralt, inaugurou hoxe na Sala de Exposicións do CENTRAD a mostra O Quijote e os dereitos humanos, unha exposición de pintura inspirada na clásica obra coa que a Deputación de Lugo conmemora a celebración do Día Internacional do Libro, que se celebra o vindeiro día 23.

Tras reivindicar que “todos deberiamos ser un pouco Quijotes”, Polín quixo destacar a crecente importancia que a sala de exposicións do Centro de Artesanía está acadando dentro das rutas artísticas da provincia, “unha sala que ademais está aberta a todo o mundo. De feito, a presenza dos lucenses máis novos é cada vez máis habitual”. Aberta a todos os públicos, aínda que especialmente pensada para a xente nova, esta mostra ofrece unha particular visión do Quijote, determinada pola intención do pintor de contribuír á educación en valores coa escusa do clásico de Cervantes para promover o diálogo e o intercambio de ideas. Pola súa banda, Joan Queralt quixo agradecer a colaboración prestada pola institución provincial para expoñer a súa obra no Centro de Artesanía.

O Quijote e os dereitos humanos ten un marcado carácter didáctico e dentro das actividades programadas haberá visitas para grupos de escolares nas que o artista exercerá de guía e nas que poderán participar os centros educativos que o desexen só poñéndose en contacto co CENTRAD para concertar a súa cita. As actividades están pensadas para que calquera poida participar, xa que tamén haberá visitas guiadas a disposición de persoas cegas ou xordomudas.

Igualmente, o propio día 23 de abril será unha data destacada, xa que os nenos serán especiais protagonistas das lecturas que se farán do Quijote, así como da entrega de diplomas e diferentes agasallos para aqueles que tomaron parte nos Obradoiros Artesanais do CENTRAD da pasada Semana Santa.

Pasaxes do Quijote

Joan Queralt Blanch, artista barcelonés, centrou a súa formación no deseño industrial, se ben dende moi novo amosou un profundo interese pola pintura. Esta actividade converteríase na súa profesión, logo de reafirmar a súa vocación artística tras a estadía en cidades coma París ou Lausana. Ó seu regreso a España, traballou coma deseñador na súa cidade de nacemento, chegando a acadar un gran nivel, avalado por recoñecementos en diversos certames.

Namorado da obra cervantina, dedicou moito tempo a elaborar numerosos bocetos sobre diversas pasaxes do Quijote, nos que tentou reflectir a súa visión da loita entre o idealismo e o materialismo, presente na que é considerada polos expertos a primeira “novela” moderna. Tras catro anos de traballo, Queralt completou unha colección de lenzos que tratan episodios coma os de “Los molinos de viento”, “La aventura de Sierra Morena”, “La cueva de Montesinos”, a “Batalla de los cueros de vino” ou “Las cortes de la muerte”.

Unha destas obras recibiu o máximo galardón no Grand Prix de la Chambre de Commerce de Béziers (Francia) e outras delas foron adquiridas por museos coma o Museo Iconográfico del Quijote de Guanajuato (México) ou a Fundación Cervantina de México D.F. 34 destes lenzos poderán ser admirados a partires de mañá polos lucenses e visitantes que se acheguen ata o Centro de Artesanía e Deseño a partires deste xoves.

Datas e horarios

A mostra estará aberta ó público na Sala de Exposicións do Pavillón 4 do CENTRAD ata o 26 de maio e poderá ser visitada de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.

Exit mobile version