Site icon Crónica3.com A Mariña

O Centro de Interpretación analiza a importancia da Reserva de Terras do Miño para conservar as especies en perigo

250413 Conferencia aves Centro de Interpretación Terras do MiñoO Centro de Interpretación foi escenario esta tarde dunha nova actividade das moitas programadas para o segundo trimestre do ano, coas que os seus responsables buscan implicar ós lucenses na conservación do seu medio natural. O zoólogo Jesús Domínguez Conde falou acerca de Importancia da Reserva da Biosfera Terras do Miño para a conservación da poboación ibérica de Zarapito Real (Numenius arquata). O zarapito real é unha ave que se localiza exclusivamente en zonas da Terra Chá e que está incluída dentro da lista de especies en perigo de extinción.

A súa zona de reprodución actual é a do interior da Reserva de Terras do Miño, polo que a importancia deste territorio para a conservación dunha especie única en España é indubidable. Durante a súa intervención, Domínguez Conde repasou a evolución da poboación que ten feito nido na Península durante a última década, ademais de expoñer a súa situación actual e analizar as principais ameazas e problemas que poden condicionar a súa viabilidade futura desta ave.

Jesús Domínguez Conde é profesor titular de Zooloxía na Universidade de Santiago de Compostela. A súa investigación está centrada nas aves acuáticas presentes nos humidais galegos e en áreas protexidas. Autor de numerosas publicacións e artigos en revistas científicas, actualmente Domínguez Conde forma parte do Consello Reitor da Reserva da Biosfera Terras do Miño e do Observatorio Galego de Biodiversidade.

Máis actividades a fin de semana

As actividades continúan este fin de semana coa celebración, o sábado, do obradoiro para adultos Coidados das hortas na primavera: a agricultura tradicional modernizada con criterios ecolóxicos. O obradoiro desenvolverase en horario de mañá, de 11:00 a 14:00 horas, tras o que se realizará unha visita de carácter práctico ós hortos urbanos situados na contorna do río Rato.

Os 40 participantes poderán aprender cales son as tarefas necesarias nesta época do ano para manter a saúde dos cultivos e sacar o máximo proveito dos mesmos, mediante o emprego de técnicas propias da agricultura ecolóxica.

Programación de maio

O vindeiro mes continuarán as actividades postas en marcha no Centro de Interpretación. Haberá conferencias, todas elas a cargo de reputados expertos de prestixio.

Así, o 9 de maio celebrarase Os bosques na Reserva da Biosfera Terras do Miño, ofrecida polo Enxeñeiro de Montes Antonio Rigueiro Rodríguez, membro da Real Academia Galega de Ciencias.

Igualmente, celebraranse actividades ó aire libre, tanto para adultos coma para nenos. Os maiores terán, os días 11 e 12 de maio, un Curso de micoloxía, organizado en colaboración coa Asociación Micolóxica Lucus; e outro de Botánica doméstica: plantas medicinais e plantas das nosas hortas e campos, o día 25. Para os nenos están programados A miña amiga a auga, os días 2 e 3 de maio.

Outras interesantes actividades son as exposicións. O 30 de maio chegará ó Centro situado na contorna do río Rato Proxecto Land Art, organizada en colaboración coa Escola de Arte e Superior de Deseño “Ramón Falcón”, que amosará as posibilidades que ofrece a natureza como material de creación artística, e non só de inspiración. Os interesados en acudir a calquera destas actividades poden informarse e solicitar a súa inscrición a través da páxina web www.deputacionlugo.org

Exit mobile version