Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello coopera coas asociacións de Cervo para recuperar o bosque atlántico autóctono

repoboacionCervo, 25 de abril de 2013-O Concello de Cervo vén de entregar unhas 200 árbores a distintas asociacións do municipio co obxectivo de continuar co proxecto municipal de recuperación do bosque autóctono característico da vertente atlántica. Así, nas últimas semanas a administración local fixo entrega de árbores á Asociación de Montes Comunais Bidueiras, que utilizou as plantas para seguir reforestando o terreo do mesmo nome, onde xa teñen realizado máis accións deste tipo.

Ao mesmo tempo, nesta semana tamén se facilitaron árbores autóctonas á Asociación de Montes Comunais de Lieiro, que foron plantadas nunha área de recreo situada na mesma parroquia e que se atopaba sen vexetación. O Concello, ademais de entregar as árbores (castiñeiros, amieiros e pradairos), colaborou en ambos casos na súa plantación.

Este proxecto municipal de repoboación ten, polo tanto, dúas vertentes, a social e a medioambiental, xa que por unha banda estanse realizando plantacións en montes co obxectivo de crear unha masa forestal autóctona que permita recuperar a paisaxe tradicional, pero ao mesmo tempo tamén se levan a cabo actuacións en zonas de lecer como é o caso da área recreativa de Lieiro.

Ao mesmo tempo hai que lembrar que o Concello estivo plantando recentemente máis de 600 árbores no monte Escarabelada, de titularidade municipal, e no que en total xa se teñen sementado máis de 4.000 plantas. Esta reforestación nos terreos situados no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos vaise ampliando pouco a pouco con novas iniciativas. A última no mes de marzo, no que máis de 200 escolares plantaron árbores autóctonas para celebrar o Día Internacional dos Bosques.

Hai que lembrar que nestas novas accións algunhas das árbores destínanse a repoñer aquelas plantas que non prenderon en anteriores plantacións. Todas elas foron doadas polo Servizo Provincial de Montes dependente da Consellería do Medio Rural.

Un conxunto de actuacións que forma parte dun plan de acción global de recuperación do bosque atlántico no que proliferen as árbores autóctonas. “Desde el Concello apostamos por poner en valor de nuevo y recuperar el paisaje típico de la Mariña con aquellas especies más tradicionales en la zona, dándole mucha importancia a su aspecto social y medioambiental frente al exclusivamente económico” explica a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso.

Exit mobile version