Burela, 26 de abril de 2013. Mañá, sábado, continuará o traslado das dependencias municipais ubicadas en Tíjola ata a praza de Abastos, aos locais que ocupou ata hai unhas semanas a Capitanía Marítima de Burela.
Os servizos de medio ambiente, orientación laboral e emprego, a aula Gaia e tamén a Cámara de Comercio comezarán a prestar estes servizos nos seus novos locais o vindeiro luns, 29 de abril. O alcalde, José Mª González Barcia, agarda que “ditos servizos funcionen de xeito correcto nas novas instalacións ese día” e engadiu que “os traballadores do xulgado de paz, que xa se atopan na praza de abastos, valoraron de forma positiva este cambio. Nas novas dependencias gañouse espazo co obxectivo de prestar o mellor servizo á cidadanía”.
A Fundación Expomar será a última en trasladarse, pero será xa no mes de xuño, unha vez que remate a décimo quinta edición da feira náutico pesqueira, que terá lugar do 23 ao 26 de maio.