Ao mesmo tempo, levouse a cabo outra obra na zona do Pesquerdo, onde se colocaron 100 metros de tubaxes para canalizar a auga que baixa da capela de Santa Eufemia. Tamén se realizaron canalizacións no rego que discorre xunto ao campo da festa e fíxose unha base para colocar contedores do lixo. Outra das actuacións consistiu en poñer un peche con cadeas ao campo da festa para impedir a entrada continua de vehículos que estragaban o firme.
Unhas accións, todas elas, que foran solicitadas pola Asociación de Veciños do Burgo de Trasbar, que se puxera en contacto co Concello para trasladar estas demandas que dende a administración local consideraron esenciais. Unhas obras que supuxeron un investimento duns 5.000 euros que foron financiados con fondos municipais.
O edil de Zona Rural asegurou que dende o Concello “temos a intención de manter o noso contacto e a nosa colaboración continua coas entidades e asociacións do municipio para acometer obras de interese veciñal e outras iniciativas”. Soto explicou que “esta forma de traballar é moi produtiva á hora de atender as necesidades das distintas parroquias xa que a veciñanza e as asociacións son as que mellor coñecen a realidade da súa zona”.