“Dende o Concello sempre tivemos claro que tiñamos que reclamar e defender os nosos dereitos como administración local” asegura o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, que lembrou que “por responsabilidade o Concello tiña que defender uns cartos que lle correspondían e que, polo tanto, son cartos públicos”. Así, para Villares “este fallo é moi importante, xa que recoñece os nosos dereitos como administración local e defende os intereses públicos tendo en conta que eses cartos entrarán nas arcas municipais e reportará un beneficio para a tesourería”.
Neste sentido o rexedor cervense quixo recoñecer o “excelente traballo desenvolvido polos empregados municipais dos departamentos de Secretaría, Intervención e a Oficina Técnica, que cos seus informes fixeron posible a defensa dos dereitos do Concello”.
Antecedentes
Todo comezou en xuño de 2009, cando a Xunta de Goberno Local aprobara a liquidación desa taxa, que debía pagar Unión Fenosa. Pero a compañía non estaba de acordo con esta decisión, que por outro lado estaba baseada nunha ordenanza fiscal municipal e no Texto Refundido da Lei de Facendas Locais. Así, Unión Fenosa quixo evitar o pagamento deste importe presentando un recurso de reposición contra o acordo da Xunta de Goberno.
Un recurso que fora desestimado pola Xunta de Goberno, o que non impediu que a compañía iniciase unha pugna xudicial contra o Concello. Así, Unión Fenosa presentara un recurso no Xulgado do Contencioso-Administrativo nº1 de Lugo contra o acordo da Xunta de Goberno, que foi desestimado.
Pero a compañía seguiu reclamando, nesta ocasión apelando a sentenza ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. De novo o Concello gañou o litixio a través dun fallo do que se tivo coñecemento nestes días. O alcalde explicou que “a compañía quixo levar ata o último extremo a súa negativa a aboarnos o que nos correspondía, recorrendo a todos os procedementos administrativos e xudiciais e esgotando todas as vías posibles para evitar o pagamento”.
Uns litixios que “provocaron unha grande inquietude dentro do goberno local e do Concello xa que, aínda que eramos conscientes de estar defendendo unha causa lexítima, preocupábanos a fortaleza dos gabinetes xurídicos dunha multinacional coma esta”. Aínda así, “decidimos defender os intereses públicos dos nosos veciños”. “Sabiamos que tiñamos a razón do noso lado, e así o contemplaban tamén os informes técnicos elaborados polo persoal municipal, que fixo un grande traballo en beneficio de toda a veciñanza”, remata Villares.