Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo lembra que a xuventude titulada pode optar ás súas bolsas de formación

Cervo, 13 de abril de 2013-O Concello de Cervo quixo lembrar á mocidade cervense que segue en marcha o programa de bolsas formativas remuneradas a titulados universitarios ou de FP do municipio e que para optar a elas teñen que achegarse ata o Concello e informarse no departamento de Emprego. Trátase dunha iniciativa de fomento do emprego xuvenil que está dando os seus primeiros pasos xa que dende hai un mes o departamento recolle os datos da xuventude que quere participar nesta programa para así avaliar os perfís dos titulados cervenses e comprobar se cumpren os requisitos fixados para poder optar a elas.

Polo de agora son máis de 20 as persoas rexistradas polo Concello que manifestaron o seu interese en obter unha bolsa e que cumpren as condicións esixidas, pero foron moitos máis os que se achegaron a informarse sobre esta iniciativa. Así, para poder optar a unha bolsa, os aspirantes teñen estar empadroados en Cervo, ser titulados universitarios ou de FP do sistema público educativo de Galicia, ser menores de 30 anos no caso de titulados de FP e menores de 31 no caso de persoas con estudos universitarios, que pasasen menos de 3 anos dende a obtención do título e non ter desempeñado un traballo profesional remunerado relacionado coa súa titulación.

Unhas condicións establecidas co obxectivo de que “as bolsas cumpran a súa función, que é darlle unha oportunidade á mocidade que, a pesar de dispoñer da formación, aínda non tivo a posibilidade de obter experiencia nun entorno de traballo real” tal e como explica a edil de Emprego, Yolanda Pedreira. Como xa informara o Concello no seu momento, a intención desta delegación é que “todos os mozos que reúnan estas condicións poidan obter unha bolsa e, polo tanto, unha primeira ocasión para completar a súa formación teórica”.

Así, cos datos dos aspirantes que reúnen todos os requisitos, o departamento de Emprego convocará bolsas axeitadas á realidade dos titulados de Cervo, “de forma que se garanta a participación de todos os demandantes” explica a edil.

Ao mesmo tempo, o Concello lembra que para esta acción de fomento do emprego xuvenil hai consignada unha partida orzamentaria de 35.000 euros para este ano 2013. Unhas bolsas que poderán ter unha duración de entre 2 e 12 meses por cada beneficiario e que suporán a realización de prácticas nos distintos departamentos e servizos prestados polo Concello de Cervo.

Exit mobile version