Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo pon en marcha o obradoiro infantil “Teatro na primavera” para celebrar o Día das Letras Galegas

-O prazo para inscribir aos nenos e nenas nesta actividade está aberto ata o día 22 de abril.

-Ao mesmo tempo, convócase o Certame de debuxo e narración infantil.

Cervo, 17 de abril de 2013-As Concellerías de Cultura e Educación veñen de convocar un obradoiro infantil de teatro para celebrar o Día das Letras Galegas que este ano se lle dedica ao actor e dramaturgo santiagués Roberto Vidal Bolaño. Un taller dirixido a nenos e nenas de primaria que prepararán e ensaiarán unha peza teatral en galego axeitada ás súas idades e que se inclúe dentro dun programa máis amplo de actos previstos para conmemorar esta data que se dará a coñecer en breve.

Un obradoiro que desenvolverá os venres, en concreto os días 26 de abril, 3,10,24 e 31 de maio e o 7 de xuño de 17:00 a 18:00 horas na Casa da Cultura. Unha actividade que rematará coa representación ao público da obra preparada e coa que se lle dá continuidade aos obradoiros de teatro postos en marcha nos últimos meses con ocasión do Outono Cultural ou do Nadal e que rexistraron moi bos niveis de participación.

Nestes días o Concello comezou a repartir os impresos de inscrición polos centros educativos cervenses co obxectivo de darlle máis difusión e achegar a información a todo o alumnado. Uns impresos que deberán cubrir e entregar na Casa da Cultura ata o 22 de abril.

Unha actividade coa que se pretende “involucrar aos máis pequenos na celebración dun día como o das Letras Galegas, no que exaltamos a nosa literatura e a nosa lingua” explica Armada, que lembra tamén que este é un ano no que se cumpre o 50 aniversario desta conmemoración literaria dende que no 1963 se lle dedicase este día a Rosalía de Castro. A edil de Educación asegura que “afondar nas artes escénicas é unha moi boa forma de homenaxear a Roberto Vidal Bolaño tendo en conta a súa faceta de actor e escritor de obras teatrais”.

Concurso infantil
Ao mesmo tempo, un ano máis a Biblioteca Municipal volve convocar o Certame de narración e debuxo infantil con motivo do Día das Letras Galegas. As bases xa se fixeron públicas e nelas contémplase que poden participar todos os nenos e mozos ata os 16 anos que decidan presentar ou ben un debuxo ou ben unha narración, podendo achegar cantos traballos desexen de ambas modalidades. Iso si, as narracións deben estar escritas en galego cunha extensión máxima dun folio por unha sa cara e axustándose ao tema “A toda máquina”.

En canto aos debuxos, deben estar feitos sobre cartolina de tamaño DIN A-4 sobro o mesmo tema mencionado. Cada traballo presentado debe ir acompañado dunha folla cos datos persoais do autor. Á hora de seleccionar os premiados establécense tres categorías: ata os 8 anos; de 9 a 11 e de 12 a 16 anos.

O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro 10 de maio e deben ser entregados na Biblioteca Municipal de San Cibrao. Cabe lembrar que se trata dun certame convocado a nivel local e que os tres mellores traballos de cada categoría serán premiados e pasarán á fase provincial convocada pola Biblioteca Pública de Lugo.

Exit mobile version