Foz, 9 de abril de 2013. O Concello de Foz executou obras de mellora en estradas de Fazouro e continuará con estes traballos nas demais parroquias do municipio. Anunciouno o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Rural, o popular Pedro Fernández Manín, quen responsabiliza ao anterior goberno local de varias deficiencias.
Fernández Manín explicou que “despois de realizar os traballos comprometidos coa asociación de veciños de Fazouro para o arranxo da zona de Lousada, que consistiron na limpeza da cuneta porque baixaba moita auga pola estrada, tamén se fixo o arranxo onde está a casa de Pepe de Valiño porque aí puxeran uns tubos hai tempo mal colocados, entonces toda a auga aparte de cruzar a estrada baixaba polo camiño que vai á casa dos portugueses, que estaba totalmente desfeito, e arrastraba area para outra baixada, que é a estrada que vai desde a Nacional 642 a San Acisclo”.
O concelleiro de Medio Rural referiuse tamén a “outro problema en Fazouro, do que tamén nos falou o presidente da asociación, que é o arranxo da rede de sumidoiros no barrio do Eixo, onde a situación é denigrante pois estanse anegando completamente de residuos uns chalés feitos de novo. Non me explico como se puido facer iso así e agora temos que levantar parte da rede de sumidoiros, buscar a forma de facer outro enlace ou a ver como podemos solucionalo”.
Manín tamén deu a coñecer que “aparte destes traballos durante o mes de abril vamos rebachear con aglomerado en frío o resto das parroquias, como xa fixemos en Fazouro pola estrada que vai dende o cámping á Pampillosa e a zona da antiga estación do tren. Xa empezamos en Vilaronte e continuaremos por todas as demais parroquias con aglomerado en frío”. E destacou que “todos estes traballos estámolos facendo con moito esforzo do persoal porque, dada a situación na que se encontra o Concello, soamente o podemos facer co persoal de obras municipal. Intentaremos chegar a todas as parroquias o antes posible, aparte de empezar xa a limpar co tractor e rozar todas as vías do concello cara ao verán”.
Resposta a Cancio
O primeiro tenente de alcalde aproveitou para responder ás declaracións do portavoz de Unifoz, Jaime Cancio, “referente aos problemas que di que nosoutros temos cos veciños de San Acisclo; debe recordar que el estivo gobernando e colocaron a rede de sumidoiros, fixeron unha depuradora e deixaron sen facer as conexións e sen poñela a funcionar. Unha vez aprobada a taxa de depuración mirouse o proxecto que había no Concello e os veciños non tiñan a conexión coa rede de sumidoiros porque estaba sen funcionar a depuradora, cousa que fixo este goberno”.
Ademais Pedro Fernández Manín pregunta “quen é o responsable da rede de sumidoiros que está desde O Descanso ata a rotonda, porque nosoutros non o fixemos”. E con referencia aos alumeados pídelle a Cancio que “reflexione un pouco antes de dicir os fallos que temos, porque no ano 2009 el era primeiro tenente de alcalde e polo tanto ten a súa responsabilidade nunha inversión de 490.000 euros en alumeado público que sinceramente penso que nin se adapta ao proxecto inicial nin posiblemente non estea feito nos sitios onde debería. De aí veñen os fallos que hai hoxe no alumeado público de Foz. Di tamén que case con toda seguridade o problema non está nos cadros eléctricos porque andasen neles, pero eu pódolle demostrar ao señor Cancio con fotografías sacadas estes días onde se ven algúns cadros cos candeados rotos a patadas e queda colgado o cadeado cun anaco da tapa; iso non o fai ningunha empresa, senón os gamberros ou outra xente”.
“Unha cousa que a min me chama moito a atención é que diga que estamos desmantelando a Casa da Cultura, porque a nosoutros nada máis chegar ao Concello a primeira cousa que a técnica de Cultura nos pediu foi o traslado para onde están as oficinas xerais, o que nosoutros decidimos porque ela se encontraba mal, dicía que non estaba cómoda. Se o señor Cancio foi 14 anos responsable da área de Cultura penso que posiblemente debería saber os motivos do que lle pasaría a esta persoa para pedir o traslado. Nosoutros non desmantelamos nada, estamos intentando arranxar cousas que el, con moito máis presuposto, non fixo, porque nosoutros non temos un orzamento co que poidamos máis que atender os casos xustos e utilizar os empregados para todos estes traballos”, rematou Manín.