Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello entrega os cheques con preto de 4.000 euros de axuda aos centros educativos de Cervo

cheques_colexiosCervo, 16 de abril de 2013-A Concellería de Educación que dirixe Pilar Armada entregou este mediodía os cheques correspondentes ás axudas aos centros educativos de Cervo das que se benefician os colexios do municipio (CEIP Cervo e CEIP Cervo nº1) e o instituto de secundaria (IES Marqués de Sargadelos). En total, o Concello repartiu preto de 4.000 euros de forma que cada centro recibiu 1.250 euros.

No acto de entrega estiveron presentes o alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Educación, Pilar Armada xunto aos directores dos centros receptores destas subvencións municipais sufragadas ao cen por cen con fondos do Concello. A través destas axudas, os colexios e o instituto poderán afrontar gastos derivados de actividades educativas, culturais, recreativas ou doutro tipo dirixidas a completar e complementar a actividade académica. Ademais, tamén se poden subvencionar gastos de funcionamento e mantemento. “Unhas actuacións todas elas dirixidas a mellorar a calidade do ensino e o benestar do alumnado” explica Armada.

Neste sentido, cabe lembrar que hai unhas semanas o Concello entregou outros preto de 4.000 euros ás ANPAS dos centros de ensino de Cervo de xeito que en total, este ano, entregáronse preto de 8.000 euros ás entidades educativas cervenses. Ao mesmo tempo, nos últimos meses Educación ten concedido outras axudas dirixidas a colaborar con todos os colectivos e persoas implicadas no eido educativo, outorgando subvencións para o material escolar e libros ou para o transporte “e deste xeito contribuír tamén coas familias”, engade a edil.

Exit mobile version