Site icon Crónica3.com A Mariña

O departamento de educación do Concello de Cervo abre o prazo de inscrición para o PAI

-As solicitudes e a documentación deben entregarse no Rexistro Xeral do Concello ata o 15 de maio.

Cervo, 17 de abril de 2013-A Concellería de Educación vén de abrir o prazo de inscrición para o Punto de Atención á Infancia de Cervo para o curso 2013-2014. As solicitudes, que poden ser de renovación de praza para aqueles alumnos que continúan no PAI, ou de novo ingreso, pódense entregar no Rexistro Xeral do Concello en horario de oficina ata o 15 de maio.

É importante destacar que as prazas adxudicaranse por orde de entrada da solicitude no Rexistro, comezando polas presentadas en primeiro lugar e en base ao número de prazas vacantes. Hai que ter en conta tamén que o alumnado que renova a praza do curso anterior ten preferencia na súa concesión. En canto aos requisitos, é imprescindible que toda a unidade familiar estea empadroada no Concello de Cervo.

Solicitudes
Á hora de presentar a solicitude de reserva da praza ou de novo ingreso é necesario achegar documentos como son a copia do carné de vacinación actualizado, así como documentos acreditativos, de ser o caso, de ter cargas familiares; invalidez ou minusvalía dos pais, titores e/ou outros membros da unidade familiar mediante certificado expedido pola comunidade autónoma de Galicia; situación de desemprego dos pais ou titores; condición de familia monoparental, entendida como a formada polo pai ou nai solteiro que non manteña situación de convivencia ou situación de separación, divorcio ou viuvez; e no caso de familia numerosa, fotocopia cotexada do título.

Ademais, no caso de non asinar a autorización para obter documentación e información das distintas administracións públicas, o solicitante deberá achegar un certificado da Axencia Tributaria das rendas de cada membro da unidade familiar do último exercicio vencido e o certificado de empadroamento de tódolos membros da unidade familiar.

Ao mesmo tempo, as solicitudes de novo ingreso requiren a presentación da fotocopia do DNI/NIE da nai, pai e, se é o caso, dos representantes legais; fotocopia cotexada do libro de familia, onde apareza o alumno para o que se solicita o ingreso, ou documento que acredite a situación familiar; certificado médico do neno que informe de que o menor non padece enfermidade infecto-contaxiosa. Tamén deberá informar si o menor padece algún tipo de alerxia alimentaria (lactosa, glute…) ou física (aos materiais como pintura, ceras…); copia da tarxeta da Seguridade Social do neno ou documento equivalente e dúas fotografías tamaño carné.

Exit mobile version