Site icon Crónica3.com A Mariña

O deporte feminino nos medios de comunicación, a debate

A Fundación Imdecum abre as II Xornadas do Deporte este xoves no IES Monte Castelo coa visita da periodista deportiva Alba Adá

A Academia Imdecum abrirá a segunda edición das súas Xornadas do Deporte este xoves, 25 de abril, coa situación do Deporte Feminino nos Medios de Comunicación a debate. A encargada de inaugurar a cita, no IES Monte Castelo (17.00 horas), será a periodista deportiva Alba Adá (Cea-Ourense, 1987), colaboradora do programa Futsal Cope e ex–xogadora de fútbol sala, que posúe unha ampla experiencia nas redaccións do Diario As, Cadena SER, Marca, Marca TV… e en webs dedicadas ao deporte feminino, como www.eldeportefemenino.com, de Sport.

O programa formativo da Academia Imdecum tamén abordará o fisioculturismo, o tenis en cadeira de rodas, a loita olímpica e kick boxing, entre os temas da presente edición que se prolongará ata comezos de xuño. A iniciativa, que conta ademais coa colaboración da Deputación de Lugo, Fundación Deporte Galego e Xunta de Galicia e o IES Monte Castelo, está destinada a alumnado e titulados/as do ciclo superior de Actividades Físicas e Deportivas do centro burelao, monitores deportivos e demais profesionais relacionados co deporte, así como a todo o público interesado.

En 2012, a primeira edición contou coa presenza do presidente do Comité Galego de Árbitros de Fútbol, José Antonio Pérez Muíño (“Arbitraxe: Un deporte máis”); a xogadora do CD Burela FS Pescados Rubén, Haydee Agras, que repasou o seu traballo de ‘scouting’ en ElPozo Murcia; o espírito de superación da ex-deportista paralímpica Hilda Rodríguez; e a psicóloga Juana Blanco.

Xornada

LOCALIZACIÓN: IES Monte Castelo
HORARIO: 17.00 horas

Xoves 25 de abril

Título: “A situación do deporte feminino nos medios de comunicación”

Relatora: Alba Adá Lameiras, periodista deportiva

Exit mobile version