O alcalde burelés, José María González Barcia, xunto coa concelleira de Deportes, Beatriz Piñeiro, e o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Valle, compareceron hoxe en rolda de prensa no campo de herba artificial da Marosa, acompañados das Escolas Deportivas de Fútbol, para anunciar o acordo adoptado pola Xunta de Goberno e explicar algunhas cuestións referidas ó indicado anteproxecto.
González Barcia indicou que “a obra terá unha ocupación de 156 metros cadrados, e estará situada entre o campo de fútbol e a estrada Burela-San Cibrao. O anteproxecto contempla tres corpos: un corpo central onde se ubicarían instalacións e dependencias para material, mantemento, árbitros e aseos, e dous corpos laterais nos que se ubicarían vestiarios con duchas e aseos. A construción tería unha lonxitude de 31’20 metros, unha altura máxima de 3’52 metros e un fondo de 6 metros. O presuposto é de 103.378 euros”.
O rexedor subliñou que “se pretende levar a cabo unha construción respectuosa co entorno, de forma e maneira que se enmarque dentro da propia paisaxe”.
Barcia manifestou que “este é o primeiro paso para poder facer esta obra; simultaneamente á aprobación do anteproxecto, procedemos a expoñela ó público segundo o disposto na Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística de Galicia; posteriormente, será enviada á Xunta de Galicia, dado que o solo que se pretende ocupar pertence ó dominio público de protección de zona costeira, para que proceda á informar da posibilidade de levar a cabo a construción; e chegados a ese punto, temos que conseguir a financiamento para poder construír esta dotación deportiva. O presuposto é moi elevado para poder ser soportado polas arcas municipais, de aí que falaremos coa Deputación para que colabore co Concello. De feito, hoxe mesmo se solicitaron entrevistas tanto co Presidente coma co Vicepresidente primeiro da institución provincial”.
Na rolda de prensa, o alcalde burelés manifestou que “a aprobación deste anteproxecto demostra o compromiso deste equipo de goberno co deporte. Quen non o queira ver, que non o vexa, pero o que é evidente é que ninguén deu este paso adiante, e é un equipo do Partido Popular quen comeza a dar pasos para dotar dunha importante infraestrutura ás instalacións deportivas da Marosa. Quero lembrar que os trámites administrativos do propio campo de herba artificial comezounos un goberno do PP, como tamén fixo as pistas de tenis, e outras instalacións deste recinto deportivo”.
Finalmente, González Barcia foi claro: “como non podemos marcar prazos para construír esta infraestrutura, non os marcamos, porque non queremos crear expectativas que logo se poidan incumprir ou retrasar. O que si é certo é que vamos poñer todo empeño para facer realidade esta obra. Así, o recinto deportivo da Marosa sería un dos mellor dotados de toda a provincia”.