Site icon Crónica3.com A Mariña

O GPP alerta de que informes técnicos internos detectan un desfase de entorno a 200.000 euros nas obras da estrada de Marco de Álvare- As Rodrigas

DSC07051Lugo a 25 de abril de 2013.- A voceira do Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, xunto co presidente do PP no concello de Riotorto, Clemente Iglesias, deron conta esta tarde das irregularidades atopadas no expediente da obra de Riotorto.- Marco de Álvare-As Rodrigas, PK 0.000 /5,800, tras un estudo rigoroso da información a que tiveron acceso os populares.

Deste xeito, dende o GPP alertaron de que informes internos do Servizo de Vías e Obras detectan un desfase superior aos 190.319 euros entre as unidades de obra certificadas e as realmente executadas. Este estudo, con data de rexistro de 12 de abril de 2013, recolle dunha forma máis concreta que, a data 31 de outubro de 2012, o importe certificado nesta obra ascende a 400.060,36 euros, mentres que o importe executado é de 209.741,14 euros.

É dicir, os populares advertín de que se está a falar dun desfase do 50% entre o que presuntamente está pagado e o executado. Deste xeito, co obxecto de esclarecer esta circunstancia, o GPP presentará esta documentación ante o Ministerio Fiscal ao atoparse ante un suposto moi grave de posible pago de obras que non están feitas e do que Gómez Besteiro ten constancia.

Os populares tamén evidenciaron unha posible operación de xustificación deste desfase, ao ter en conta que, ao parecer, e segundo escritos aos que accedeu o GPP, este informe que alerta do desfase, foi desatendido, xa que a comparativa faise tendo en conta o modificado nº1, mentres que se pedía realizarse a medición con respecto ao proxecto de modificado nº2. Sen embargo, mentres que o proxecto modificado nº1 foi aprobado en Xunta de Goberno do 24 de agosto de 2012, sen variación e prezo contractual, o modificado nº2 non é definitivo, nin foi enviado para a súa aprobación ao órgano correspondente, polo que non se pode facer ningunha comparativa con respecto a este último, tal e como se recolle no mesmo informe con data 12 de abril de 2013.

Un novo caso

O Grupo Popular anunciou no seu momento que comprobaría os indicios que fan sospeitar que se están producindo posibles irregularidades en obras que suman máis de 6,5 millóns de euros. Deste xeito, os populares están a cumprir co seu compromiso de facerlle seguemento a cada unha destas obras.

Así, os populares lembran que a estes 190.319 euros de desfase, entre o certificado e o realmente executado, súmanselle os 323.000 da piscina de Monterroso; o que permite falar de 513.319 euros en unidades de obra presuntamente pagadas e non executadas. Deste xeitos, o GPP pregúntase a onde foron para eses 85 millóns de pesetas.

Deste xeito, o Grupo Provincial atópase unha vez máis con informes que advirten de posibles irregularidades. Mentres na obra de Monterroso, Gómez Besteiro tardou ata a 4 meses en poñer en coñecemento da Fiscalía o pago de máis de 300.000 euros en obras sen executar tras ter coñecemento desta situación; o presidente provincial, ao parecer, non tomou ningunha actitude activa en relación a esta nova situación.

Segundo manifestan os populares, Gómez Besteiro debería actuar como tal, exercer o mando e a dirección sobre estas obras e evitar calquera posible irregularidade, retrasos e prexuízos a todos os lucense que, ao fin, son os que cos seus impostos pagan estas obras.

Ralentización nas obras

Os populares pediron en varias ocasións explicacións sobre estas obras, solicitando unha resposta inmediata por parte de Gómez Besteiro aos veciños de Riotorto que están a espera de que remate unha obra que fora xa adxudicada no ano 11 de maio de 2007, resolvendo o contrato o 12 de novembro de 2010 por demora da Deputación á hora de levar adiante o procedemento pertinente.

As citadas obras adxudicáronse novamente o 25 de febreiro de 2011, cun prazo de execución de 6 meses, sendo paralizadas en reiteradas ocasións ata que en xunta de goberno de 22 de marzo de 2013 se inicia o expediente de resolución de contrato, tras que a empresa comunicara á Deputación en outubro de 2012 que entrara en preconcurso de acredores.

A día de hoxe, aínda está pendente de executar, o 55% do orzamento inicial que eran 1.037.000 euros.

O PP mantense firme no compromiso de seguir investigando nas obras que detectaba irregularidades e maniféstase enormemente preocupado pola imaxe que se está a dar desta administración, pola falta de control que reflicten estas presuntas irregularidades neste organismo e pola falta de xestión dos responsables políticos da Deputación de Lugo, nomeadamente Señor Besteiro e Señor Martínez.

Os populares tamén esixen explicación ao goberno local

O PP de Riotorto a través do seu presidente, Clemente Iglesias, tamén lle esixen ao goberno bipartito municipal que dea explicacións ante esta situación xa que “son os responsables políticos do pobo e por iso teñen que dar a cara antes os veciños e explicarlles cales son os problemas do acondicionamento desta estrada”

Clemente Iglesias manifestou a deixadez de funcións por parte do goberno local a hora de referirse a pregunta plantexada en sesión plenaria no concello interesándose polos prazos de execución da obra. Ao que obtiveron por resposta : “pregunten vostedes na Deputación que nos non sabemos nada”. “Esa é a responsabilidade dos nosos dirixentes”, asegurou o presidente dos populares de Riotorto.

O popular lembrou que o seu grupo municipal está a demandar dende fai tempo a reanudación dos traballos do vial, “ e tanto a Deputación como o goberno local miran para outro lado sen dar unha resposta as nosas demandas”, tratándose dunha estrada prioritaria para o municipio de Riotorto “xa que é a que ten máis tráfico diario e é o único enlace coa capital lucense”.

Exit mobile version