Site icon Crónica3.com A Mariña

O ‘Memorial Rodrigo Maseda Lozano’ reunirá ao mellor fútbol sala de base na Mariña no vindeiro mes de xullo

Martes 30 de abril. O II Torneo Imdecum de Fútbol Sala Base 2013 ‘Memorial Rodrigo Maseda Lozano’ (5, 6 e 7 de xullo) volverá á palestra deportiva do verán para reunir o mellor fútbol sala de base na Mariña, en memoria do policía natural de Burela falecido o ano pasado nun rescate na praia coruñesa do Orzán.

Ao longo de tres intensísimas xornadas, os pavillóns da Veiga (San Cibrao), Marzán (Foz) e Monte Castelo e Vista Alegre (Burela) acollerán, coma na primeira edición, a competición de benxamín, alevín, infantil e cadete, incluíndo como novidade a categoría xuvenil. Durante todo o torneo, a organización tamén lles ofrecerá aos rapaces/as unha programación lúdico-deportiva complementaria, con xogos multimedia e visitas guiadas ao barco-museo Reina del Carmen e o Museo do Mar de San Cibrao, ademais de ter a posibilidade de usar as instalacións do complexo deportivo da Marosa e a piscina de San Cibrao.

Os clubs interesados poderán formalizar a súa inscrición ata o venres 21 de xuño. Para consultar toda a información do Memorial pinche aquí.

En 2012, a emotiva cita futbolística contou coa presenza de 8 clubs e 27 equipos nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. Participaron o histórico madrileño UD Las Rozas Boadilla, ED Vigo 2015, Troula FS de Betanzos, ADFS A Mariña, Ribadeo FS, San Cibrao e As Catedrais, xunto á ED EON Burela FS. No palmarés do Memorial, UD Las Rozas Boadilla impúxose en dúas das catro categorías, benxamín e infantil. O premio de alevíns quedou na comarca, na vitrina de ADFS A Mariña, e o de cadetes gañouno a ED Vigo 2015. A deportividade brillou na comarca, cos títulos para ED EON Burela FS B (benxamín), Ribadeo FS (alevín) e San Cibrao (infantil); os madrileños destacaron polo xogo limpo na categoría cadete e impuxéronse como pichichis en benxamíns, alevíns e infantís.

Exit mobile version