Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio organiza a presentación do libro ‘Feminismos’ con Olga Castro

cartelfeminismosabril2013Terá lugar o venres 5 de abril, ás 20.30h, na Casa das Letras de Ribadeo.

Continúan as presentacións de libros no Observatorio da Mariña pola Igualdade, no ano no que a Axenda Feminista está adicada ás Escritoras Galegas. Desta volta con Feminismos (Ed. Xerais, 2013), un libro de Olga Castro e María Reimóndez recén saído da imprenta e que está a chegar estes días ás librarías de todo o País.

A presentación do mesmo, unha das primeiras que se fará en Galiza, terá lugar este venres 5 de abril ás 20.30h na Casa das Letras de Ribadeo e contará coa presenza de Olga Castro, coautora do libro, licenciada en Xornalismo e Tradución e Doutora en Tradución que actualmente exerce de docente na Aston University en Gran Bretaña.

Feminismos é unha guía de viaxe a través da cartografía dos feminismos que responde á rica biodiversidade real dos feminismos no mundo e tamén en Galicia. Con vontade divulgativa, este libro dá conta do movemento social que máis cambiou as estruturas sociais para mellorar a vida das persoas, producindo a teoría e a práctica máis plural e transformadora. Desde ese espírito enciclopédico que se dirixe a un amplo público non especialista, Feminismos presenta as achegas e os logros dos movementos feministas na mellora das sociedades en todo o mundo. En palabras da autora do limiar, Belén Martín Lucas, da man de Castro e Reimóndez coñecemos «o traballo dos colectivos de mulleres, pensadoras e artistas, desde Galicia a Xapón, pasando polas repúblicas da antiga Unión Soviética, China, India ou África subsahariana, por mencionar algunhas das áreas incluídas. Este mapa dos feminismos na xeografía e a historia pon de manifesto a gran diversidade de estratexias contra a discriminación por xénero desenvolvidas en contextos culturais, políticos e sociais concretos».Poñendo de manifesto a mención especial que merece a sección dedicada aos feminismos en Galicia, a profesora Belén Martín Lucas conclúe asegurando que «as reflexións de Castro e Reimóndez convídannos a examinar o noso etnocentrismo para decatármonos das contribucións coas que as activistas e pensadoras doutras culturas melloran o noso mundo, á vez que tamén poñen en valor as teorías e prácticas feministas xeralmente excluídas dos manuais do feminismo, as cales tenden a limitarse ao occidental (europeo e norteamericano case sen excepción).

Exit mobile version