Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio remata o ‘I Video-forum Rachando moldes. Mulleres que fixeron historia’ que ten lugar en Burela

Terá lugar o xoves 2 de maio ás 20.00h na Casa da Cultura de Burela

O Observatorio da Mariña pola Igualdade presenta, como novidade na súa programación para esta primavera, o I Video-forum Rachando moldes. Mulleres que fixeron historia, unha cita que pretende achegar mediante o cinema á cidadanía mariñá a historia de diversas mulleres que rachando os moldes da época, rachando coas normas impostas polo patriarcado, foron quen de facerse un oco na historia. Historias de mulleres e mulleres que fixeron historia.

O I Video-forum Rachando moldes. Mulleres que fixeron historia, nace após do éxito dunha das actividades máis asentadas do Observatorio, o video-forum Mulleres no Mundo que ten lugar en outono, desde fai catro anos, na vila de Foz. Rachando moldes. Mulleres que fixeron historia, terá o mesmo formato mais nesta cita primaveral o obxectivo é crear referentes, recuperar nomes de mulleres, pois aínda no S.XXI a historia séguese a transmitirse sesgada, baixo a óptica da mirada masculina, e sen ter en conta as aportacións da outra metade da poboación, as mulleres. A carteleira de películas, moi diversa e heteroxénea, dará a posibilidade de coñecer a mulleres que fixeron historia en diferentes ámbitos como as ciencias, a literatura, a política ou a arte

A primeira edición do video-forum Rachando moldes. Mulleres que fixeron historia, que comezou o pasado xoves 11 de abril, remata este xoves 2 de maio, ás 20.00h na Casa da Cultura de Burela, coa proxección da película La pasión de Camille Claudel, de Bruno Nuytten, sobre a recoñecida escultora francesa de finais do S. XIX. Camille, a irmá do escritor Paul Claudel, sentiu desde nena unha gran paixón polo arte e en especial pola escultura á que lle dedicou gran parte da súa vida. O escultor Auguste Rodin foi o seu mestre e ela converteuse na súa musa. Entre ambos xurdiu unha tormentosa relación amorosa plagada de crises e rupturas. A escultora tivo tamén unha vida persoal moi axitada: era unha muller demasiado libre e independente que non se adaptaba ás costumes e convencionalismos da súa época. Ao final da súa vida, viviu como unha mendiga e acabou sendo internada nun psiquiátrico polos seus problemas mentais.

Ao igual que no video-forum Mulleres no Mundo, neste novo video-forum do Observatorio a entrada é gratuíta. As sesións estarán guiadas por socias do Observatorio e repartiranse uns pequenos dossieres con información sobre a película a visionar. Antes do comezo da película farase unha pequena contextualización do filme para a continuación realizar o visionado. Ao remate da proxección da película haberá un pequeno debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados no filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora sexa a condutora das reflexións do grupo. Asimesmo, repartiranse cafés, infusións e pastas gratuitamente ás persoas que o desexen.

Este I Video-forum Rachando moldes. Mulleres que fixeron historia, organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, conta coa colaboración da delegación de Muller e Igualdade do Concello de Burela, de RadioBurela e de Crónica3.

Exit mobile version