Site icon Crónica3.com A Mariña

O Plan funcional para a ampliación do Hospital da Costa contempla a construción dun aparcamento soterrado e habitacións individuais

O Diario Oficial de Galicia publicaba onte a licitación dos servizos para a redacción do Plan Director do Hospital da Costa para o que se destinan 143.392,71 euros e un prazo de execución de seis meses.

Balseiro explica que na planificación de actuacións de ampliación e reforma do centro hospitalario de Burela tamén preveuse a posta en marcha dun hospital de día e que as as habitacións actuais da unidade de hospitalización de destinen a uso individual.

Santiago, 20 de abril de 2013.- Tralo compromiso adquirido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo na súa última visita á comarca da Mariña lucense, e do aval dado polo Consello da Xunta, o Diario Oficial de Galicia publicaba onte (venres 19 de abril) a licitación do contrato de servizos para a redacción do Plan Director do Hospital da Costa, isto é, un paso máis para a moi esperada ampliación do centro hospitalario mariñán. Unha contratación blindada coa súa publicación no DOG e para a que o SERGAS destina 143.392,71 euros e que contará cun prazo máximo de execución de seis meses.

APARCAMENTO SOTERRADO
O secretario do Parlamento galego e deputado autonómico, Jose Manuel Balseiro, quixo facer hoxe unha valoración dalgunha das principais novidades previstas neste proxecto de ampliación, moi en concreto no Plan funcional que serve de base para a redacción do futuro Plan Director e que inclúe propostas como é a da construción dun aparcamento soterrado cuxo obxectivo sería dar solución á saturación que presenta o parking actual e, sobre todo, ofrecer un servizo mellorado e con maior capacidade, axeitado ás novas necesidades dun hospital máis amplo.

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou que o SERGAS se decantaba pola ampliación lateral este, anexando un novo edificio sobre a actual superficie de aparcamento e heliporto o que obrigaría a repoñelos construíndo un heliporto elevado (sobre o edificio da ampliación) e o novo aparcamento soterrado. Esta opción permitiría tamén conservar a vía de acceso a urxencias e respectar a rúa Rafael Vior.

HOSPITAL DE DÍA
Outras novidades salientables, segundo explicou Balseiro, son as referidas á posta en marcha do que se coñece como “hospital de día”, propio dos centros de alta resolución. Estes espazos, polas características das patoloxías que abordan, son áreas que reciben a pacientes externos que acoden en transporte sanitario ou encamados ou aqueles que ingresan co obxecto fundamental de realizar procedementos diagnósticos de control (analíticas e imaxes) ou precisan de coidados específicos por ter sondas e catéteres permanentes.

O Hospital da Dia tamén acollería os novos servizos de hematoloxía e oncoloxía médica, técnicas e intervencións menores, e soporte tamén a outras actividades como as consultas de alta resolución, apoio aos sistemas de hospitalización a domicilio, coidados paliativos e son moi útiles á hora de evitar novos ingresos hospitalarios.

HABITACIÓNS INDIVIDUAIS
Finalmente, Balseiro destacou que o proxecto de ampliación do Hospital prevé a creación de dúas novas unidades de hospitalización médico-cirúrxica a partir das unidades existentes na actualidade nos andares 1 e 2 pero cunha novidade substancial, a eliminación do uso das habitacións dobres actuais, converténdoas en individuais, o que permitiría un maior confort dos doentes, e incorporarán sofá/cama para acompañante e aseo completo e adaptado para uso por persoas con mobilidade reducida. O novo hospital tería dispoñibles, en función das patoloxías, habitacións dobres para os edificios de nova creación e habitacións individuais, nos edificios actuais.

En total a programación do SERGAS prevé unha superficie total de 5.407 metros cadrados útiles, que se transformarían en 7.530 metros cadrados construídos destinados ás distintas unidades e servizos.

Exit mobile version