Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG de Lugo lamenta que a Xunta abre “un camiño escuro” para a sanidade coa consumación da área integrada

Os socialistas critican que, no decreto publicado hoxe no DOG, o PP sigue “a xogar á confusión” para facer “o que lles dá a gaña a través do decretazo sen escoitar nin á cidadanía, nin aos profesionais nin aos grupos do Parlamento”.

O PSdeG de Lugo amosa a “enorme impotencia” que lle produce a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) do decreto para a área integrada sanitaria na provincia, que supón “a eliminación da independencia e a autonomía orzamentaria” das áreas de Cervo e Monforte, que pasan a depender de Lugo. Con esta decisión, a Xunta empeza “un camiño escuro” que “abre a porta a un modelo só basado na calculadora, centralizado, que pon nun segundo plano a calidade asistencial e os intereses cidadáns e que nos leva a outros modelos xa coñecidos” como o de Madrid ou Valencia.

O secretario provincial de Sanidade do PSdeG, Miguel Rodríguez Lois, critica ademais as formas utilizadas polo Goberno galego, xa que na redacción do texto “sigue a xogar á confusión” para “facer o que lles dá a gaña a través do decretazo, sen escoitar nin á
cidadanía, nin aos profesionais ni ao resto dos grupos do Parlamento”. Así, Rodríguez Lois censura expresións introducidas no decreto nas que a Xunta afirma que busca “rendabilidade social” ou “situar as necesidades dos pacientes no lugar preferente do Sistema público de saúde”. O socialista afirma que “por desgraza iso non pode estar máis lonxe da realidade, xa que a Xunta a única rendabilidade que busca é a económica, sen importar nada máis”.

Por outra banda, recrimínalle aos responsables de Sanidade que introduzan no texto a frase “mantendo o mapa sanitario da provincia de Lugo e as áreas sanitarias existentes na actualidade” coa “clara intención de confundir” á cidadanía. “As áreas e o mapa mantéñense, claro, pero o que hai que explicar é que perden a súa independencia e autonomía orzamentaria e que todo o que teña que ver cos pequenos centros de saúde e cos hospitais de toda a provincia será decidido agora desde Lugo co aforro como único obxectivo, caia quen caia”. Proba diso é, explica, o apartado Órganos unipersoais do artigo 3 do decreto, que fala dunha “Xerencia de Xestión Integrada en Lugo”, mentres que no caso de Cervo e Monforte fala de “Xerencias Executivas”, ou o que é o mesmo, sen capacidade de xestión independente e coas partidas de gastos e as decisións tomadas desde Lugo.

En detrimento dos hospitais comarcais e a atención primaria no rural
Os socialistas avanzan que esta decisión “irá en detrimento dos centros de saúde do rural e a atención primaria, e lamentablemente empezará a comprobarse en breve”. Outra das posibles consecuencias será a “progresiva perda de servizos nos hospitais da Costa e Monforte” e, por tanto, “a marcha de profesionais”, como xa está a suceder noutras comunidades ou en Galicia, por exemplo no caso do hospital do Salnés, que está a perder médicos en favor de Pontevedra.

Exit mobile version