Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG lémbralle ao PP que “só hai que ler literalmente o decreto de área integrada” para “constatar o seu engano”

Os socialistas pídenlles que aclaren “cal é o criterio científico ao que aluden” para poñer Hemodinámica só pola mañá en Lugo “porque os profesionais responsables desta especialidade e a Sociedade Española de Cardioloxía din o contrario”

Desde o PSdeG lamentan “os preocupantes datos que se desprenden das listas de espera” a pesar da “maquillaxe” da Xunta “e os continuos traslados de pacientes a centros privados”

O PSdeG de Lugo amósase “moi sorprendido” pola “campaña de comunicación e a insistencia nos últimos días” dos responsables da Xunta e do PP de Lugo para “repetir mil veces unha mentira para que pareza real” no referente á sanidade na provincia. O secretario de Organización, Carlos González Santín, lémbralle aos populares que “non fai falta que expliquen nin interpreten nada” xa que “só hai que ler literalmente o decreto da área sanitaria integrada” para “constatar o seu engano”, xa que “di claramente que Cervo e Monforte deixan de ter autonomía e un orzamento independente, se poñan como se poñan e lle chamen como lle chamen”.

Por outra banda, os socialistas lamentan que a Xunta siga coa súa idea de dotar a Lugo dunha sala de Hemodinámica que dependa doutra provincia e que só estea dispoñible polas mañás. González Santín expresa a súa “sorpresa” de que desde a Xerencia do HULA falen de criterios científicos ao tomar esta decisión e pide que aclaren “cal é ese criterio científico ao que aluden” porque “a Sociedade Española de Cardioloxía (SEC) di o contrario, igual que os profesionais responsables desta especialidade”, como foi o caso estes días de Ramiro Trillo, xefe de Hemodinámica do CHUS e responsable desta área na SEC.

Desde o PSdeG tamén critican “a nefasta xetión da sanidade” do Goberno galego e “os preocupantes datos que se desprenden das listas de espera, que aumentan nos casos de maior gravidade”. Isto, din, “a pesar da maquillaxe da Xunta” e “os continuos traslados de pacientes a centros privados” que “están a sufrir un enorme incremento nos últimos anos e levan a Lugo e a Galicia a un modelo de desmantelamento da sanidade pública do que xa poden comprobarse as consecuencias noutras comunidades”.

Exit mobile version