Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG logra un acordo no Parlamento para o alumeado da Muralla de Lugo que a Xunta promete desde 2010

Concepción Burgo, que xa presentou iniciativas neste sentido en varias ocasións nos últimos anos, agradece “o acordo unánime que sempre provoca a Muralla” na Cámara, “aínda que non sempre chegan os resultados” polo que insta ao PP a que lle traslade ao Goberno que “por unha vez se faga realidade nun tempo razoable”.

O PP, antes de votar a favor, presentou unha enmenda para que o Concello de Lugo colabore coa seguridade do monumento, aceptada polos socialistas. “Sempre o fixo e o seguirá a facer, polo que se está aí o problema, non existe”, afirmou a deputada do PSdeG Concepción Burgo.

O PSdeG, a través da súa deputada Concepción Burgo, vén de lograr un acordo unánime de todos os grupos na Comisión de Cultura do Parlamento para que a Xunta arranxe as luminarias do adarve da Muralla de Lugo, Patrimonio da Humanidade, que levan estropeadas desde 2009 e cuxa reparación o Goberno galego leva prometendo desde hai tres anos sen que haxa resultados. Concepción Burgo, que xa presentou iniciativas neste sentido en varias ocasións nos últimos anos –“xa perdín a conta de se foron cinco ou seis”, dixo-, agradeceu “o acordo unánime que sempre provoca a Muralla” na Cámara, peor pediu maior compromiso. Así, instou ao popular Agustín Bahamonde que lle traslade o interés á Xunta e “por unha vez se faga realidade nun tempo razoable”.

Antes de votar a favor da iniciativa socialista, o PP quixo introducir unha enmenda na que lle solicita ao Concello de Lugo que colabore coa seguridade do monumento, que foi aceptada polos socialistas. “Non hai ningún inconveniente en aceptala, porque o Concello de Lugo sempre estivo implicado na vixianza e seguridade do monumento, na súa promoción e mellora do entorno e no pouco que pode facer legalmente, xa que as competencias son totalmente da Xunta. Sempre o fixo e o seguirá a facer, polo que se está aí o problema, non existe”, afirmou Burgo. “O que non poden pretender é que haxa un garda as 24 horas diante de cada luminaria; o mobiliario público, as fontes, as papeleiras… estropéanse lamentablemente e hai vandalismo, e todas as administracións e os concellos asumen a reparación do seu concello ou nas súas competencias”, engadiu.

Un sistema con maior seguridade
A socialista lembrou que a Xunta leva prometendo desde 2011 unha partida anual dun millón de euros “que non se sabe onde están”. Burgo incidiu en que a Muralla “non é un tema local, nin moito menos” xa que “estamos a falar dun monumento único en Europa”, e destacou a “situación preocupante” na que se atopa “cun pésimo efecto para un Patrimonio da Humanidade”. “O pouco que se fixo con este Goberno foi grazas ao continuo impulso da oposición e a presión cidadá en Lugo”, apuntou. Burgo lembrou que a Muralla “ten a peculiaridade de ser un monumento totalmente integrado na vida dos cidadáns, ademais de para os turistas” polo que pediu un proxecto de alumeado cun sistema de maior seguridade e fácil mantemento, ademais de contar co aforro enerxético.

Exit mobile version