Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG presentará mocións nos concellos de Lemos e A Mariña contra o desmantelamento das oficinas tributarias

As iniciativas a nivel municipal súmanse ás presentadas no Parlamento para frear os plans de reestruturación da Axencia Tributaria, que “deixan desprotexidas ás persoas que viven en cidades intermedias ou pequenas vilas e van contra as pequenas xestoras e empresas do rural, que verán aumentados os seus gastos”.

O PSdeG presentará mocións nos concellos da comarca de Lemos e A Mariña para frear a resolución tomada en febreiro polo Goberno do PP sobre a estrutura e organización territorial da Axencia Tributaria, que no caso da provincia lucense supón o desmantelamento das oficinas de Foz e Monforte, centralizando os servizos en Lugo. Estas iniciativas súmanse ás rexistradas no parlamento polo deputado Carlos González Santín. “Isto, sumado aos recortes, que eles chaman reformas, nas áreas sanitarias, en sanidade, en educación, en servizos sociais ou en infraestruturas representa a total falta de sensibilidade e de compromiso dos gobernos do PP co interior de Galicia e coas zonas rurais”, censuran os socialistas.

O PSdeG sinala que “con esta decisión política, o actual Goberno do Estado, centralizando os referidos servizos e afastándoos das persoas que non viven nas capitais de provincia ou en grandes cidades, deixa desprotexidos e sen servizos as persoas que viven en cidades intermedias ou en pequenas vilas, obrigándoas deste xeito a realizar desprazamentos de máis de 100 quilómetros nalgúns casos”. Tamén é unha medida “contra as pequenas xestoras e empresas do rural, que terán que desprazarse para realizar trámites e que verán incrementados os seus gastos”.

Este desmantelamento das oficinas da Administración Tributaria suporá que só presten servizos de recollida de documentación e información, o que “supón outro lamentable episodio dos goberno do PP, tanto da Xunta como do Goberno de España”, co obxectivo de “ir baleirando de contido estas administracións tributarias, para nun futuro acabar pechándoas, iso si, negando e dicindo que non a todo como nos teñen acostumados, facendo no goberno o contrario do que prometeron no programa electoral, enganando aos cidadáns”, critican. Os socialistas lembra que “unha vez máis, a decisión nin sequera foi negociada cos axentes sociais”.

Desde o PSdeG suliñan, asimesmo, que “nun momento onde o Estado recada menos impostos e aumenta o déficit público, con este tipo de política o PP renuncia á loita contra a fraude fiscal, indo xustamente na dirección contraria á Unión Europea, que está reforzando o seu órgano recadador”.

Exit mobile version