Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG presentará mocións nos concellos de Lugo para solicitar un plan de emprego local da Xunta para os mozos

O partido, a iniciativa de Xuventudes Socialistas, proporá medidas para os menores de 30 anos e lembra que “un de cada dous non pode acceder a unha ocupación que lle permita desenvolver unha vida digna”, mentres “30 mozos abandonan Galicia cada día”, o que agrava o despoboamento e o envellecemento.

O PSdeG presentará mocións nos concellos da provincia, a iniciativa de Xuventudes
Socialistas, para instar a que a Xunta fomente a través da Consellería de Traballo e Benestar “un programa de Plan de Emprego Local en coordinación cos concellos, destinado á xeración de postos de traballo entre a xente moza”.

Na moción, os socialistas solicitan “a priorización no plan de busca de emprego para menores de 30 anos en risco de exclusión social, e para mozos menores de 30 anos integrantes de unidades familiares perceptoras de salario social, e os que conten con máis antigüidade en desemprego”. Ademais, piden “a posta en marcha de bolsas de emprego e prácticas en colaboración con empresas da zona para mozos e mozas profesionais de alta cualificación”, así como “a toma de medidas para fomentar a cultura emprendedora” e “a realización previa dun estudo de observación sobre a evolución sectorial da ocupación do concello” e localizar os sectores con máis demanda “para canalizar de forma efectiva a oferta e demanda de emprego”.

Desde o PSdeG lembran que “trinta mozos ao día abandonan Galicia en busca de oportunidades fóra do país”, e que “á fuga de capital humano que supón este continuo éxodo hai que engadirlle os problemas demográficos que xera o envellecemento, e o despoboamento” que son “asuntos capitais” en Galicia e na provincia de Lugo.

Organismos provinciais como a Deputación de Lugo “levan anos poñendo de manifesto esta problemática sen que existan respostas nin adecuadas nin suficientes por parte da Xunta”, lembran desde o PSdeG, que destaca que o Goberno galego “ten as competencias activas para a creación de emprego, aínda que o seu Presidente manifeste o contrario”.

“É evidente que os plans da Xunta para xerar emprego mozo son inexistentes, xa que Galicia arroxa unha taxa de paro xuvenil do 50%, ou o que é o mesmo, 1 de cada 2 menores de 30 anos non pode acceder a unha ocupación que lle permita desenvolver unha vida digna”, critican os socialistas, que alertan de que “esta situación, acumulada aos continuos recortes en educación e protección social, está a situar os mozos e mozas galegos ao borde da exclusión social”.

Exit mobile version