Site icon Crónica3.com A Mariña

O spot impulsado polo CIM de Ribadeo ‘Igualámonos’ xa está na rede

Ribadeo, 9 de abril de 2013. Con motivo da conmemoración do 8 de marzo, día internacional das Mulleres, activouse unha campaña de sensibilización social arredor dun formato atractivo e actual, no que fose a xente a que participara directamente. Durante os días 6, 7 e 8 de marzo desenvolveuse un photocall pola igualdade en diferentes lugares de Ribadeo. O lema elixido para o phototcall foi Igualámonos “para transmitir que tanto mulleres como homes temos que ter os mesmos dereitos e obrigas, que o xénero non é nin debe ser condicionante dos roles e estereotipos. Constatamos certo relaxamento social na defensa da igualdade en todos os ámbitos e por iso, puxemos en marcha unha campaña deste tipo, na que as persoas participaran directamente”, explica Luisa González, responsable do Centro de Información ás Mulleres.

O photocall Igualámonos estivo de ruta ao longo de tres días, no mercado de abastos, nos centros educativos, no Centro Social, na Escola de Música, nas parroquias…. A campaña amén se acompañou dun perfil propio no Facebook ao que se subiron as fotos realizadas para que a xente poida verse e etiquetarse, se así o desexa. “É unha forma máis para que a xente que se manifesta a prol da igualdade de xénero poda facer público este compromiso. O enderezo no que atoparades a campaña é: https://www.facebook.com/#!/Igualamonos”, engaden desde o CIM.

Luisa González engadiu que “recollendo estes días de andaina do Igualámonos xurde este spot, que leva de fondo a canción de Non son fada, nin princesa de Mª Xosé Silvar Sés. Aproveitamos tamén este foro para agradecerlle a Sés este xesto, deixándonos utilizar a súa canción para o spot e tamén polo seu compromiso feminista. E tamén moitas grazas a todas as persoas que participaron no Igualámonos, poñéndose diante da cámara. O camiño cara un Ribadeo igualitario e en igualdade prosigue”.

Exit mobile version