Antonio Veiga participou na presentación deste encontro que se organiza ao abeiro do programa LugoCultural, no que colaboran a Área de Cultura da Deputación, a USC e o Concello de Lugo
O Mihl acubillará as coreografías de cinco das formacións convidadas, mentres que os compoñentes de ‘Fíos Roxos’ presentarán a súa proposta na Praza de San Marcos
O Encontro Universitario de Danza Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, que este ano chega á súa décima primeira edición, congregará os vindeiros días 17 e 18 de abril na capital luguesa a seis compañías artísticas dependentes ou vinculadas ás universidades Autónoma de Barcelona e Beira Interior, de Portugal, ademais das formacións propias da USC creadas ao abeiro do Espazo de Danza nos campus de Santiago e de Lugo e outras dúas compañías independentes: Zur 2 Danza e Fíos roxos, nacidas tamén ao abeiro da USC.
A compañía de danza USC Compostela, dirixida por Juan Carlos Zahera, abrirá o día 17, a partir das 20.30 horas, na sala de exposicións temporais do Museo Interactivo da Historia de Lugo (Mihl) este nova edición do Encontro de Danza Contemporánea da USC, onde presentará a coreografía ‘Comunicando’. Ao formación portuguesa TeatrUBI, dirixida por Rui Peres, representará de seguido no mesmo escenario a montaxe ‘Parecía que danzabamos. Ti vestido de príncipe e eu núa’.