Site icon Crónica3.com A Mariña

O XXI Congreso Periodipesca reunirá en Lugo a preta dun centenar de expertos procedentes de España e Portugal

IMG_0459A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez; o presidente de Periodipesca, Luis Macías, e o alcalde de Navia de Suarna e deputado provincial, José Fernández, presentaron o XXI Congreso Periodipesca nun acto que tivo lugar esta mañá no Salón de Actos de San Marcos. Este evento, que se celebrará no Concello de Navia de Suarna do 28 de abril ó 1 de maio, reunirá a preto dun centenar de expertos, xornalistas e escritores especializados en caza, pesca, medio ambiente e turismo rural e de aventura.

Méndez quixo agradecer ós organizadores que pensarán novamente en Lugo para celebrar esta xuntanza, posto que é un xeito de “promocionar as innumerables posibilidades que ofrecen os recursos naturais” da provincia, e convertila nun foro aberto de debate de temas de actualidade, moitas veces polémicos, “dende o rigor e o diálogo enriquecedor”. A modo de exemplo, a Vicepresidencia mencionou “as indemnizacións por danos provocados pola fauna salvaxe, que en Galicia veñen de sufrir un novo recorte”, reducindo estas a “tan só 110.000 euros”, ou a “redacción do Anteproxecto da nova Lei de Caza de Galicia, contra o que se presentaron 1.100 alegacións por parte de organizacións profesionais e técnicos independientes”.

Pola súa banda, Luis Macías, tamén agradeceu a Deputación a colaboración prestada dende hai anos pola institución provincial coa organización do Congreso, que xa se ten celebrado en máis ocasións en diferentes Concellos lucenses, coma A Pontenova, Meira, Pantón, Monforte, Mondoñedo, Becerreá ou A Fonsagrada.

Conferencias e debate aberto

O XXI Congreso Periodipesca dará comezo o vindeiro 28 de abril, coas ponencias de varios expertos, que darán pé a debates abertos entre os asistentes. Jesús Marquina Olmedo, Xefe de Caza e Pesca da Xunta de Galicia, abordará o polémico tema do Anteproxecto de Lei de Caza e o seu encaixe coa Lei de Caza do Estado.

Pola súa banda, Nava Castro Domínguez, Directora da Axencia de Turismo de Galicia falará acerca de Natureza, caza e pesca. Activos a explotar en Galicia, e Eduardo García Carmona, xornalista especializado caza, pesca e natureza ofrecerá ós asistentes os seus coñecementos sobre Pesca continental, turismo e redes sociais.

As actividades continuarán o resto dos días, con numerosos encontros e mesas redondas entre os participantes; concursos de pesca sen morte; ou proxección de documentais, ademas dos percorridos que os expertos participantes farán polo Concello de Navia e os limítrofes, coma Cervantes, para comprobar o potencial que a Montaña luguesa e o resto da xeografía da provincia ten que ofrecer.

Exit mobile version