Site icon Crónica3.com A Mariña

Observatorio da Mariña pola Igualdade e institutos da comarca realizan o ‘Trivial Feminista’, un xogo coeducativo

Taboleiro_trivial_1O Trivial Feminista conta cun total de 1000 preguntas e respostas

O Observatorio da Mariña pola Igualdade presenta, despois de dous anos de traballo, o Trivial Feminista, un xogo coeducativo por canto participa dun método de educación baseado no principio de igualdade entre mulleres e homes e da non discriminación por razón de sexo.

No ano 2010 o Observatorio levou a cabo o estudo Actitudes de xénero no profesorado e alumnado da Mariña. Claves para unha escola coeducativa, no que se evidenciou a necesidade de pór en marcha actividades nas que alumnado e profesorado se implicasen dun xeito claro, e a través das cales se puidese afondar no coñecemento do feminismo e das achegas das mulleres de todo o mundo ao desenvolvemento das sociedades ao longo do tempo. Xustamente con esa vontade xurdiu a idea do Trivial Feminista, un proxecto impulsado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade e financiado pola Obra Social La Caixa na súa convocatoria de Proxectos de Acción Social 2011, pero que foi posíbel grazas ao traballo inicial do profesorado e alumnado de distintos centros mariñáns, pois foron elas e eles quen dedicaron horas de titorías a investigaren desde unha perspectiva feminista sobre as Ciencias, a Xeografía e Historia, a Arte e Literatura, o Deporte ou a Cultura e Espectáculos, como un primeiro paso para discorreren as preguntas e respostas deste Trivial Feminista. O obxectivo deste proxecto colectivo e participativo é, xa que logo, o de visibilizarmos e pórmos en valor as achegas e logros das mulleres de distintos recantos do planeta e de distintos períodos históricos, denunciando a súa frecuente marxinación en todos os eidos do coñecemento humano e das sociedades. A posta en valor destes debates e figuras acaladas é en si mesmo un obxectivo feminista, por canto implica avanzarmos cara a unha igualdade de xénero para favorecer que mulleres e homes poidan realizarse como persoas en liberdade e igualdade de condicións.

O Trivial Feminista está composto por 200 tarxetas con 1000 preguntas e respostas: 200 de Ciencias, 200 de Xeografía e Historia, 200 de Arte e Literatura, 200 de Deportes e 200 de Cultura e Espectáculos, e na súa elaboración participou alumnado de secundaria dos Institutos de Educación Secundaria da Mariña, concretamente o IES de Alfoz, IES de Foz, IES Perdouro e IES Monte Castelo de Burela, IES Dionisio Gamallo Fierros e IES Porta da Auga de Ribadeo, IES Marqués de Sargadelos de Cervo, IES San Rosendo de Mondoñedo, IES Vilar Ponte de Viveiro e IES Illa de Sarón de Xove. Un total de dez IES dos doce que hai na Mariña.

Entre as preguntas que se poden atopar no Trivial hai un bo número delas referido a mulleres galegas nas distintas categorías e, por suposto, da Mariña de Lugo, como por exemplo En que vila da Mariña lucense naceu a artista Maruxa Mallo en 1902? (Viveiro); Como se titula o libro co que Eva Moreda gañou o X Premio de Narracións Xuvenís Rúa Nova no ano 1997? (Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota); Que poeta, filóloga e ensaísta nacida en Ribadeo tivo que figurar como subdirectora (e non directora) da revista Nordés, polo feito de ser muller? (Luz Pozo Garza); En que distancia foi tres veces campioa mundial a atleta ribadense Ana Ferradás? (100 km); Que vila lucense organizou en 2011 a Copa de España de Fútbol Sala Feminino? (Burela) ou Que música galega creou no ano 2000 o Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín? (Ugia Pedreira).

O Trivial Feminista é unha boa oportunidade de ter un xogo diferente, con preguntas sobre mulleres galegas e de todo o mundo que resaltaron nos distintos eidos do saber. Un xogo coeducativo para desfrutar cos amig@s ou para traballar nas aulas co alumnado temáticas que non se adoitan abordar nos libros de texto ou ás que non se lles dá demasiada importancia. Un xogo que dá voz, visibiliza, recoñece e pon en valor o traballo e as achegas de moitas mulleres ao longo da historia.

O deseño e a maquetación do Trivial Feminista correu a cargo dos mariñáns Marcelino Cageao e Diego Núñez. O xogo ten un prezo de 40 euros (35 euros para soci@s do Observatorio) e xa se poden facer reservas a través do correo observatorioigualdade@gmail.com ou no teléfono 627.037.668.

Exit mobile version