Site icon Crónica3.com A Mariña

Os escolares poderán descubrir a historia do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, mediante visitas guiadas

O centro museístico celebra o Día Internacional dos Museos programando actividades para nenos e nenas ao longo de todo o mes.

O calendario de visitas prolongarase mentres continúen os traballos que se executan no xacemento.

Lugo, 25 de abril de 2013.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Museo de Viladonga, está organizado visitas guiadas para escolares aos traballos de consolidación arqueolóxica que se están levando a cabo no castro existente no concello de Castro de Rei.

Deste xeito, mentres duren as tarefas que se levan a cabo nas áreas de intervención, ofrecerase aos nenos e nenas a posibilidade de coñecer a historia do castro a través dos labores que se realizan nas construcións incluídas na área de intervención.

O Museo de Viladonga organizou ademais unha completa programación infantil a desenvolver ao longo do mes de maio con motivo da conmemoración, o sábado 18, do Día Internacional dos Museos. Trátase de actividades destinadas a nenos e nenas de ensino infantil e primario, que complementan a difusión e acción didáctica do centro.

Na semana do 13 ao 16 de maio e os días 20 e 21 de mesmo mes, haberá oito sesións de monicreques e catro de ilusionismo. Así, os días 13, 14, 20 e 21, Titirimaña Teatro representará Perico o cangrexo, adaptación do conto do mesmo título da autora Amparo Gómez Cuerpo, con guión, dirección e interpretación de Isabel Gil e Cuca Fernández. Con el pretendese ensinar aos pequenos o coidado da natureza a través dos animais mariños que viven nas pozas da praia.

Este conto faise especial para o público infantil, non só polo que sucede na historia senón tamén polo atractivo do decorado que nos fai viaxar ao fondo mariño. Finalmente, o mércores 15 e o xoves 16 de maio, o Mago Rafa fará un espectáculo de ilusionismo especificamente para nenos.

Das dúas actividades haberá dous pases de 30 minutos de duración cada día; o primeiro comezará ás 10:30 e o segundo ás 11:30. O aforo será de 60 persoas e está destinado a nenos de infantil e 1º e 2º ciclos de primaria, salvo no caso do espectáculo de ilusionismo ao que tamén poderán asistir alumnos do 3º ciclo de primaria. É conveniente que os grupos sexan homoxéneos para poder adaptarse o mellor posible a cada nivel educativo.

O museo está ultimando, ademais, o programa de actos da Noite dos Museos, consolidada polo éxito das sucesivas edicións como cita ineludible para celebrar esta efeméride.

A reserva para concertar as visitas escolares pode realizarse chamando aos teléfonos do Museo -982 314 255 ou 982 314 194- ou ben nos enderezos de correo electrónico museo.viladonga@xunta.es e museo@aaviladonga.es. Así mesmo, o material didáctico do Museo pódese descargar no sitio web www.aaviladonga.es accedendo ás diferentes unidades de traballo a través dos apartados de Actividades e Acción Didáctica.

Exit mobile version