Site icon Crónica3.com A Mariña

Os fogares cervenses reducen a cantidade de residuos depositados nos colectores

Cervo, 26 de abril de 2013-A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Begoña Alonso, vén de facer balance dos residuos recollidos e procesados durante o ano 2012. Un período que, comparado co 2011, rexistra unha redución no volume de desperdicios depositados nos colectores verdes, o do lixo xenérico. En total, os fogares cervenses xeraron 1.500 toneladas de refugallo, 93 toneladas menos que no ano anterior. Unha baixada que pode responder a múltiples causas relacionadas cos hábitos de consumo ou co uso máis responsable dos alimentos.

En canto aos residuos que se depositan nos diversos colectores de recollida selectiva, como o amarelo, o iglú do vidro ou o azul, tamén diminúen o volume de residuos que reciben. En concreto, no colector de envases lixeiros depositáronse 2.500 quilos menos de lixo que no ano 2011, un total de 45.100 quilos. Ao mesmo tempo, tamén se reduce a achega de lixeiros que fixo cada habitante durante o ano, de 6,1 quilos.

Pero un dos datos máis destacables é a redución do volume de impropios recollidos, que pasou do 68% ao 61%. Os impropios son aqueles residuos que se botan no colector equivocado e que entorpecen o proceso de reciclaxe. “Un dato que nos demuestra que los cervenses reciclan cada vez mejor y que conocen el tipo de residuo que se debe depositar en cada contenedor” explica Alonso. Neste sentido, a edil lembra a compaña de concienciación sobre a separación de residuos posta en marcha en outubro, na que se aclararon as dúbidas de moitos cidadáns ao respecto dos desperdicios que se destinan a cada colector.

O volume de recollida de papel e cartón tamén se reduce en case 5.000 quilos baixando ata os 18.400 e, en consecuencia, tamén diminúe a achega por habitante, de 4 quilos ao ano. O mesmo ocorre co vidro depositado nos iglús, que descende ata os 64.600 quilos e cunha baixada de 14.000. Neste caso a achega por habitante e ano é de 14 quilos.

Outros residuos

Especial atención merece a recollida de aceite doméstico usado, que case se duplica no 2012, chegando aos 1.365 quilos e aumentando nuns 600 quilos con respecto ao 2011. Neste caso, o xesto colectivo dos cervenses evitou a contaminación de 1.500 millóns de litros de auga. Neste sentido hai que ter en conta que no 2012 o Concello fixera melloras no sistema de recollida do aceite doméstico dando a posibilidade de introducir botellas de plástico dentro dos colectores na contra de ter que verter o contido no seu interior.

Exit mobile version