Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas advirten que o “desleixo” da Xunta co sector marisqueiro provocou a perda de 600 Permex dun total de 4.000 en tan só catro anos

Santiago de Compostela, 18 de abril de 13. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, advertiu hoxe que o “desleixo” da Xunta co sector marisqueiro ten provocado en só catro anos a perda de 601 Permex ata os 3.954 actualmente rexistrados. O parlamentario socialista presentou unha serie de preguntas na Comisión de Pesca celebrada hoxe na que acusou á Xunta de converter a situación do sector en “insostible”.

O parlamentario socialista lamentou a falla dun “goberno responsable que vexa un sector con garantía para continuar no futuro e un referente para iniciar unha forma de gañarse a vida”. Advertiu que a carencia de iniciativa do goberno galego “desanima ao sector, perdendo o tempo e esforzo en facer plans sen ningún resultado constatable”.

José Ramón Val criticou o desinterese da Xunta para recuperar os areais degradados nas rías galegas, xa que malia a anunciada recuperación de medio millón de metros cadrados, “a realidade é que hai unha perda de traballadores no sector”. Tamén preguntou pola falla de iniciativa do Goberno para analizar e resolver os problemas ocasionados polos parasitos nos bivalvos galegos.

O responsable socialista salientou en primeiro lugar a necesidade de recuperar os areais degradados de Galicia para dedicalos á produción de bivalvos, polo que reclamoulle ao goberno galego que explique as iniciativas adoptadas para mellorar a produtividade das rías galegas. Sinalou que hoxe en día o marisqueo é unha actividade fundamental para 4.000 persoas que fan dela o seu modo de vida.

Val esixiulle á Xunta, a través dunha pregunta oral na Comisión de Pesca, que ofreza un balance dos novos Permex acadados polo suposto aumento de zonas de produción e en cántas toneladas se incrementou a produción en Galicia.

O parlamentario socialista instoulle á Xunta a “considerar a importancia social e económica do marisqueo”, logo dunha serie de anos consecutivos, dende a chegada de Feijóo ao goberno galego, nos que “vimos asistindo a unha continua perda de Permex”. Esta situación deriva fundamentalmente, explicou, “da falla de políticas que incentiven a chegada de novos profesionais ao sector”.

Parasitos

O portavoz de Pesca lamentou o desleixo do goberno galego diante dos problemas que limitan a rendibilidade deste sector, como son a caída de prezos en primeira venda, o peche de zonas de produción, as riadas e mesmo a acción de parasitos que afectan aos bivalvos.

José Ramón Val presentou unha pregunta na Comisión de Pesca celebrada hoxe na que lle reclamou á Xunta que expoña as supostas análises sobre a acción e incidencia do parasito marteilia nos bivalvos das rías galegas, ademais da posible procedencia de produtos foráneos utilizados para o reparqueo.

Exit mobile version