Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas bureleses maniféstanse en contra do desmantelamento da oficina da Axencia Tributaria en Foz e a eliminación da área sanitaria da Mariña

O Grupo Municipal Socialista do Concello de Burela quere adiantar que para o próximo pleno ordinario a celebrar no vindeiro mes de maio presentará dúas mocións sobre temas que consideramos moi importantes para o noso concello e para o conxunto da poboación mariñá.

A primeira é para frear a resolución tomada polo goberno do PP sobre a estrutura e organización territorial da Axencia Tributaria que no caso da oficina de Foz, supón o seu desmantelamento para centralizar o servizo en Lugo.

As políticas do PP están concentradas en eliminar servizos na Comarca da Mariña. Hai que sumar a esta iniciativa de desmantelamento de Axencias Tributarias a eliminación da Área Sanitaria, as reducións en educación, a implantación de taxas en comedores escolares, rebaixas en servizos sociais e eliminación de plans de emprego.

Con estas iniciativas deixan desprotexidos e sen servizos ás persoas que viven na Mariña sabendo, como saben, que aquí convivimos máis de oitenta mil veciños, que temos unha actividade económica e social moi importante, e que a consolidación de servizos beneficia a imaxe global da nosa Comarca dándolle posibilidades para a consolidación de poboación, ser un potencial turístico, e facilitar o asentamento de entidades comerciais e industriais.

O Grupo Municipal Socialista lamenta que o PP con estas medidas desprece á totalidade dos veciños da Mariña, xa que moitos contribuíntes se verán obrigados a desprazase a Lugo para atender os requirimentos que a Axencia lles poida realizar e que requiran a súa presenza física, co conseguinte trastorno persoal, familiar, laboral e económico.
A segunda moción é para instar á Consellería de Traballo e Benestar para que fomente un programa de Plan de Emprego Local en coordinación cos concellos, destinado a xeración de postos de traballo no noso municipio.

Entre os colectivos máis afectados encóntranse os mozos cun 55,6% de desemprego xuvenil e por iso imos a solicitar a través da moción a aplicación dos seguintes puntos:
1.- Dar máxima importancia no plan de busca de emprego aos menores de 30 anos en risco de exclusión social, e para mozos menores de 30 anos integrantes de unidades familiares perceptoras de salario social, e que conten con máis antigüidade en desemprego.
2.- A posta en marcha de bolsas de emprego e prácticas en colaboración con empresas da zona para mozos profesionais de alta cualificación.
3.- A toma de medidas para fomentar a cultura emprendedora.
4.- Realización previa dun estudio de observación sobre a evolución sectorial da ocupación do concello para canalizar de forma efectiva a oferta e demanda de emprego.

Balas de fogeo
Ultimamente, e co único propósito de disimular a súa incompetencia, o equipo de goberno capitaneado polo señor alcalde está a anunciar ou a denunciar diferentes obras pola xeografía municipal.

Chama a atención o anuncio, con fotografía incluída, dunha obra de mellora no campo artificial da Marosa que valora en máis de cen mil euros. Nese mesmo acto de anunciación di, para sorpresa dos presentes, que o concello non pode asumila e que polo tanto nunca se realizarán. Ao mesmo tempo, trata de implicar á Deputación para que teña a ben asumir a fantasía que acaba de anunciar. Patético”, conclúen os socialistas.

O señor alcalde con este anuncio pretende quedar ben cunha asociación deportiva que ata o de agora tivo totalmente abandonada, como ten abandonadas ao resto das asociacións deportivas, culturais ou recreativas que operan non oso concello, agás a dúas ou tres que lles deu carácter nominativo.

Outra actuación de si pero non acaba de facela pública desde Madrid. Xustifica que vai á capital para acadar melloras para a praia do Portelo e dende alí comunica que a cousa vai para largo. Para ese trámite abonda cunha chamada telefónica, quedaría mellor cos veciños e sairía moito máis barato.

Tamén esta varado coa pista de pàdel que construíu o anterior goberno no campo da Marosa, que por certo construíu para complementar e ampliar a oferta deportiva. Hai, no mesmo recinto, unha pista de tenis que promoveu o actual alcalde.
E está varado facéndose preguntas que, o seu entender, non teñen resposta xa que leva vinte meses intentando darlle sentido o expediente de construción e detecta problemas que segundo el non teñen solución e di que os grupos da oposición debemos dicir que facemos agora.

Os grupos da oposición por unanimidade din que a solución é que dimita o señor alcalde. Si despois de vinte meses de análise, e tendo en conta a experiencia dos trámites que el fixo para a pista de tenis, non deu coa solución entón o problema teno el. Si por riba ameaza coa posibilidade de destruír a pista de pádel, entón a dimisión debe ser inmediata.

Este alcalde, que non o é, perde o tempo en manifestacións ridículas e non se preocupa en defender aos veciños en temas sanitarios, de infraestruturas, educativos, sociais, laborais, económicos, etc. e dedícase a tirar balas de fogueo pensando que só o ruído é importante. “Triste”, manifesta o portavoz do grupo municipal socialistas de Burela, Alfredo Llano García.

Exit mobile version