Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo agradecen que o Día do Xubilado se volva a celebrar no concello como propuxeron o pasado ano

Entenden que esta celebración supón un gran esforzo presupostario para as arcas municipais e desta maneira “os beneficios desta festa recaerán, alomenos, na hostalería e comercio local”

O goberno con esta decisión pon de manifesto que “este ano tiveron en conta a nosa proposta e no 2012 non nos quixeron dar a razón”

CERVO, 29 DE ABRIL. Os socialistas de Cervo amosan a súa satisfacción ó coñecer a noticia de que este ano o Día do Xubilado se volve a celebrar no municipio, “agradecemos que o equipo de goberno tivera en conta a proposta socialista do ano pasado, pois considerábamos un gasto excesivo desprazar a tódolos participantes a un concello veciño e unha pena que os beneficios que esta festa pode ofrecer á hostelería e comercio local fosen para outros”.

Este ano a celebración volverá a ter lugar nunha carpa instalada na Praza dos Campos de San Cibrao, os membros do Grupo Municipal Socialista subliñan que “o goberno cervense rectificou o seu erro e con esta decisión amosan que hai un ano non nos quixeron dar a razón”.

Afirman que “este día suporá un esforzo presupostario moi grande para as arcas municipais tendo en conta a situación económica que atravesamos, de facer este esforzo que os beneficios recaian no noso concello. Hai que pensar que esta festa repercute moito na economía local, o comercio e a hostalería, pola que o goberno parecía esquecerse o pasado ano”.

Dende o PSOE de Cervo confirman a súa asistencia ós actos e aseguran que “sabemos que moitos veciños estarán de acordo en privarse de gastos innecesarios e que prefiren quedar no concello e dar vida e actividade ó noso pobo. Porque o que realmente é importante é facer unha homenaxe ós xubilados e que a xente disfrute dun día en compañía dos seus maiores”.

Exit mobile version